mainimg
Código: EG054
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Parque Eugenio Granell

Barrio

Pontepedriña

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Escultura

Cronoloxía

1995

Autor

José Delarra

Historia

José Julián Martí Pérez (1853-1895) foi un político e escritor cubano, destacado precursor do modernismo literario hispanoamericano e un dos principais líderes do movemento independentista cubano. Xunto a Simón Bolívar e José de San Martín, Martí é considerado un dos fundamentais protagonistas do proceso de emancipación de Hispanoamérica.

Nacido no seo dunha familia española con poucos recursos económicos, á idade de 12 anos comezou a estudar no colexio municipal onde destacou polas súas calidades intelectuais. Tras o inicio da Guerra dos Dez Anos (1868-1878), iniciou a súa actividade revolucionaria.

Aos 17 anos foi condenado a seis anos de cárcere pola súa pertenza a grupos independentistas, realizando traballos forzados no penal até que o seu mal estado de saúde valeulle o indulto.

Deportado a España, licenciouse en dereito e filosofía e letras pola Universidade de Zaragoza. Tras viaxar por Europa e América, tras a Paz de Zanjón trasladouse a Cuba, mais foi deportado de novo polas autoridades cubanas, medorentas ante o seu pasado revolucionario. Fincouse en Nova York e dedicouse por completo á actividade política e literaria.

Desde o exilio, José Martí afanouse na organización dun novo proceso revolucionario en Cuba, e en 1892 fundou o Partido Revolucionario Cubano e a revista Patria. Converteuse entón no máximo adaíl da loita pola independencia do seu país.

Ademais de destacado ideólogo e político, foi un dos máis grandes poetas hispanoamericanos e a figura máis destacada da etapa de transición ao modernismo. Cronista e crítico excepcional, fixo de moitos dos seus textos auténticos ensaios, algúns de carácter revolucionario. Como poeta coñéceselle por Versos libres, Ismaelillo e Versos sencillos.

A famosa canción cubana Guantanamera, da que existen numerosas versións, emprega as primeiras frases do poema Versos sencillos de José Martí. Nestes versos, un home cubano fala cunha muller de Guantánamo. Esta canción prestábase a improvisacións, nos que se empregaba a ironía ou a protesta, polo que alcanzou moita sona desde a súa aparición, cara a década de 1930.

Descrición

O Concello de Santiago de Compostela lembra ao escritor e político cubano José Julián Martí Pérez por medio dunha escultura que anteriormente estaba situada na rotonda do Castiñeiriño. Esta peza atopábase en moi mal estado, polo que foi obxecto dun traballo de forxa e recuperación.

A inauguración da escultura a José Martí na súa nova situación dentro do Parque Eugenio Granell foi celebrada en decembro do 2017. Ademais de render unha merecida homenaxe a esta figura excepcional, tanto no ámbito intelectual como no político, a peza reflicte os vínculos de Galicia con Cuba, sendo elixida para conmemorar que Santiago de Compostela irmandárase con Santiago de Cuba en 1995.

O monumento ten unha estrutura moi simple, xa que sobre unha base vertical en forma de cuña realizada en granito, sitúase o retrato de José Martí fundido en metal e realizado polo escultor cubano José Delarra. Posúe tamén na parte inferior dúas placas conmemorativas metálicas, nas que as inscricións explican brevemente quen é o homenaxeado e o motivo da escultura.

Bibliografía

Micropatrimonio de Compostela - Escultura Contemporánea. Concello de Santiago e Compostela Cultura, 2019

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)