
Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
1992
Autor
Silverio Rivas
Historia
Silverio Rivas Alonso naceu en Ponteareas (Pontevedra) en 1942. Comezou a traballar no taller de ebanistería do pai aos doce anos. Iniciou os seus estudos na Escola de Artes e Oficios de Vigo, para posteriormente continualos en Madrid. Tamén se formou en Sargadelos, feito este que o levou a innovar con conxuntos articulados e desmontables de cerámica.
A súa carreira artística comeza a despegar en 1970, cando acude á Bienal de Pontevedra. En 1971 realiza a súa primeira exposición individual na Sala de Exposicións da Caixa de Aforros de Vigo. As súas obras son expostas en Francia, Bélxica, Holanda, Reino Unido e Alemaña, participando tamén en importantes exposicións colectivas.
Pioneiro da abstracción escultórica en Galicia, Silveiro Rivas traballa indistintamente a pedra, a madeira e o bronce, aínda que é con este último co que mellor se expresa. Ten o seu obradoiro en San Xoán de Paramos, no concello pontevedrés de Tui.
En 1990 realiza unha obra de grandes dimensións para a Praza de América en Vigo, chamada a Porta do Atlántico. Este monumento esculpido en granito rosa do Porriño está situado no medio da praza, sobre un gran estanque circular de 38 metros de diámetro. O artista trata de render unha homenaxe ao Océano Atlántico e a América, mais tamén aos miles de emigrantes que utilizaron durante moitos anos o porto vigués como lugar de partida para buscar fortuna alén do mar.
A obra de Silverio Rivas conta con moitos monumentos situados en diversos espazos públicos. Nos parques e xardíns de Santiago de Compostela podemos atopar diferentes obras do escultor. Ademais de Proa a Enciño no Parque do Monte da Almáciga, a carón da entrada do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporáneo) emprázase a escultura en granito negro A Pía, e na avenida do Burgo das Nacións está o Dolmen Novo Milenio, obra inaugurada no marco das celebracións da Capital Europea da Cultura do ano 2000.
Descrición
Esta obra artística do escultor galego Silverio Rivas, fermoso exemplo de sinxeleza e plasticidade, sitúase na zona máis elevada do Monte da Almáciga. A colocación da peza no parque foi inaugurada no 1992.
A localización, a contorna natural e a orientación na que está situada a peza forman parte da mesma, xa que contribúen a completar a súa expresividade. Esta característica é propia do construtivismo orgánico que domina no escultor, que sempre ten en conta o xogo das formas e o espazo intrínseco e cambiable no que está inserida a obra de arte.
Esta escultura está realizada en granito rosa do Porriño e conta cun peso de oito toneladas. Tecnicamente, a estrutura baséase na simplicidade ao estar formada por poucos elementos traballados con formas sinxelas, que sen embargo permiten desenvolver un interesante xogo de volumes na combinación de ángulos e formas curvas e a contraposición de masas rotundas e ocos baleiros.
A Proa a Enciño confórmanse formalmente a partir da idea de bloque de pedra, traballados directamente para integración das formas puras e o cruzamento dos ritmos e contrastes volumétricos. Tan importantes como as formas esculpidas son os baleiros, que nos permiten contemplar o interior da peza.