mainimg
Código: XC003
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Escultura

Cronoloxía

2014

Autor

Óscar Aldonza Torres e Santiago Martínez Otero

Historia

Este proxecto comezou co intento de representar formalmente nunha esfera armilar, que mostrase os planetas no seu interior, para formar parte espazo público proxectado para o Parque das Ciencias. A finalidade desta escultura era realizar unha homenaxe por parte do Concello de Santiago aos máis ilustres científicos e investigadores galegos.

O astrolabio esférico ou esfera armilar é un modelo da esfera terrestre utilizado para mostrar o movemento aparente dos astros no firmamento arredor da terra e o sol, invento atribuído ao astrónomo grego Eratóstenes, que viviu no século III a.C. Estaba formado por aros graduados, representando os meridianos e paralelos, así como as traxectorias que describen os astros ao seu paso pola bóveda celeste.

O equilibrio e beleza do astrolabio foi un excelente punto de partida para a realización dunha escultura, aínda que existían dous factores limitantes, un orzamento axustado e moi pouco tempo para a realización da obra, polo que nun principio debera ser realizada en latón.

Segue ao movemento construtivista ruso, pioneiros no emprego dos materiais industriais e da tecnoloxía dentro do ámbito artístico, precursores tamén dun concepto científico da arte. Nesta preza destaca o emprego da cor, non mediante a policromía senón coa utilización de diferentes materiais. O groso da escultura está realizado en ferro, material idóneo pola súa resistencia, prezo e calidade plástica. Tamén é acaída a resina de poliéster, dada a súa facilidade de moldeo e a inmensa versatilidade á hora de deseñar materiais compostos.

Por último, a pedra como elemento sustentador e unificador de toda a peza, material por excelencia da arte galega, poderoso contraste entre masa e baleiro. Mais esta pedra non está entendida como baseamento, senón como elemento de unión da esfera, por medio dos aros metálicos que a atravesan, así como coa conexión coa propia terra, onde se asenta. Esta pedra con forma de paralelepípedo, austera e sinxela, aporta moita masa producíndose un marcado contraste coas formas aéreas e dinámicas da esfera, lográndose así unha forte estrutura monolítica.

Descrición

Esta escultura consiste nunha representación do sistema solar, onde podemos observar os nove planetas clásicos do sistema solar, con algún dos seus satélites e mailo sol. Para poder distinguilos hai que fixarse na cor das esferas que hai suspendidas dentro das órbitas de ferro, e iremos atopando, de dentro cara fóra, os seguintes corpos celestes: a estrela central é o Sol, os planetas interiores que están dentro do cinto de asteroides son Mercurio, Venus, Terra e Marte, e os planetas exteriores que están fóra do cinto de asteroides son Xúpiter, Saturno, Urano, Neptuno e Plutón.

A visión da esfera armilar evoca formas moi suxerintes, cos meridianos e paralelos conformando unha trama de esferas concéntricas que abranguen unha enorme cantidade de espazo cun mínimo de materia física aparente. O espazo urbano no que está colocada a obra está poderosamente definido pola xeometría, ao igual que a propia esfera, espazo, profundidade e baleiro.

Tempo, espazo e movemento serán as forzas motrices nas que se fundamenta esta escultura. A astronomía preséntasenos posiblemente como a máis avanzada e futurista das disciplinas científicas, sen embargo, basea todo o seu coñecemento nun pasado remoto. Este tempo pasado é o que aparece reflexado nas imaxes recollidas por telescopios e sondas espaciais, imaxes que reflexan sucesos acontecidos hai millóns de anos.

O espazo está mostrado por medio da esfera armilar, un obxecto fundamentado na astronomía, mais que funciona por riba de todo como un elemento plástico, como unha escultura. En canto ao movemento, este é un concepto que vai ser xerador de toda a obra, xa que procura a representación deste movemento a través do emprego de formas ríxidas, sólidas, estáticas e ambiguas.

O deseño desta peza foi realizado polo escultor Oscar Aldonza Torres, mentres que o traballo co ferro realizouse polo ferreiro artístico Santiago Martínez Otero. A obra foi inaugurada o 31 de marzo de 2014.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)