
Zona verde
Praza da Constitución
Parroquia
San Fructuoso
Descrición
Na cidade de Santiago de Compostela, a pesar de que a normativa establece que en xeral, os cans deberán ir en compañía dunha persoa responsable que os pasee suxeitos pola correa, existen diferentes espazos onde está permitido que estean ceibos.
Na Praza da Constitución, este espazo está situado xusto na cara oeste da praza, con aceso desde a rúa de Ramón Piñeiro. Este espazo é unha zona delimitada fisicamente con enreixado, para separala da contorna da rúa e do resto da Praza, así como para evitar o acceso dos cans á calzada. Está dotado de colector para a recollida das bolsas de excrementos, no que figuran diversas informacións relevantes sobre a normativa de convivencia animal. Tamén hai na zona a correspondente sinalización avisando de que dentro do recinto está permitida a presenza de cans soltos. Aínda así, os animais deberán de estar permanentemente baixo control e a responsabilidade do seu dono.
O espazo para cans ceibos da Praza da Constitución está habilitado para que os cans podan relacionarse libremente entre eles, correr e xogar, potenciando o seu exercicio e sociabilidade. Os espazos de cans ceibos serven para convivir de xeito cívico, fomentando as boas prácticas en relación co espazo público e os animais. Coidar da nosa cidade, dos seus espazos verdes e zonas urbanas é obriga de toda a cidadanía.
Ter un animal de compañía, e especialmente un can, implica varias responsabilidades e compromisos coa sociedade e coa túa mascota que se deben cumprir. É fundamental que o animal reciba todas as vacinas e tratamentos necesarios, non só para previr enfermidades, senón tamén para cumprir coas medidas sanitarias municipais, galegas ou de carácter xeral. A problemática dos excrementos caninos nos espazos públicos non é un problema menor.
Cada día as mascotas xeran unha grande cantidade de residuos orgánicos que son nocivos e que implican grandes problemas: hixiénicos, sanitarios, ambientais, de seguridade ou de deterioro da imaxe da cidade. Os excrementos son a principal fonte de contaxio de enfermidades entre mascotas e poden provocar a existencia de zonas na cidade contaminadas por parasitos, capaces de infectar ás persoas e producir diversas afeccións.
Non se debe pensar que deixar os excrementos nun xardín ou zona verde é beneficioso porque se vaian a converter en fertilizante, máis ben todo o contrario, xa que se provoca a aparición dun foco de infección e reduce o espazo limpo de lecer e goce de todos.
A ordenanza municipal de convivencia, relativa á posesión e custodia de animais, establece unha serie de normas básicas para a convivencia con mascotas:
- Nos espazos públicos os cans teñen que ir suxeitos por correa, agás nestes espazos de cans ceibos.
- Deben estar controlados sempre, mesmo nos sitios onde se permiten cans ceibos.
- A recollida de excrementos é obrigatoria.
- Non está permitida a presenza de cans nas áreas de xogo infantil.
- Os cans deben ir provistos do chip identificador.
- Compre anotarlles no colar o número de teléfono da persoa responsable do animal.
- A esterilización dos cans é moi recomendable, non lles causa dano e facilita a convivencia.
- O maltrato e abandono de animais está penado pola lei.