mainimg
Código: BO044
-
Patrimonio
Localización

Zona verde

Parque de San Domingos de Bonaval

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Conxunto escultórico

Cronoloxía

1998

Autor

Leopoldo Nóvoa García

Historia

Leopoldo Nóvoa García (Salcedo, Pontevedra 1919-París 2012) foi un artista universal, que co seu compromiso con Galicia contribuíu e a que a arte galega estea representada na práctica totalidade dos grandes museos do mundo.

De pai uruguaio e nai pontevedresa, na Guerra Civil trasladouse coa súa familia a América, onde estudou Arquitectura e Dereito en Uruguai e en 1947 entrou en contacto cos círculos intelectuais do exilio galego en Bos Aires. Alí comezou a pintar, realizando a súa primeira exposición individual en 1953.

A súa traxectoria artística iniciouse cunha figuración construtivista que pronto deixou paso á abstracción, creando un estilo propio e recoñecible caracterizado por unha relación estreita e sintética entre a materia, a recreación do espazo e a luz. Nóvoa suprimiu os xogos de cores, empregando o ascetismo do branco ou incluíndo novos materias nas súas obras para levar a cabo unha recreación do sintético. A linguaxe de Leopoldo Nóvoa entronca co suprematismo das últimas obras de Málevich, Kandinsky ou Marc Rothko.

Houbo dous fitos que marcaron o desenvolvemento do seu estilo:

- Realización do Mural do Estadio do Cerro de Montevideo (1962- 1965), que o levou a valorar a capacidade artística dos obxectos cotiás.

- Incendio do seu estudo parisino. En 1965 instalárase en París, conectando co ambiente intelectual latinoamericano desta capital, mais en 1979, un incendio destrúe o seu taller, polo que en 1983, traslada a súa casa taller a Armenteira (Meis).

En palabras do propio Nóvoa: Empecé con pintura decorativa, de temática gallega. Después derivé hacia un expresionismo en el que trataba de enriquecer -o así lo creí entonces- materia y forma a base de color. Pero tras la realización de un inmenso mural que inicié en 1962, comencé a sacar elementos hasta quedarme exclusivamente con el espacio y la luz. Empleo colores casi neutros: grises, negros, ocres... y una materia muy pobre, sin brillos. Los elementos son de una humildad total.

Entre as súas obras máis destacadas en Galicia figuran o Pousadoiro das Letras da Universidade de Vigo e a actuación no Parque de Santa Margarita de A Coruña co seu Mural de la Cantera.

Descrición

En 1998, o Concello de Santiago de Compostela encárgalle Leopoldo Nóvoa unha escultura monumental para o parque de San Domingos de Bonaval. Esta obra, un dos seus últimos conxuntos escultóricos, sería situada no parque de San Domingos de Bonaval en decembro de 1998, na pradaría dos Campos Novos.

É habitual nas obras de Nóvoa que o título achegue algunha indicación sobre a lectura que debemos dar á obra. No caso deste Espazo Crómlech Ocupado, déixanos no seu título unha serie de pistas para interpretar esta escultura, que está resolta con tres pezas de granito, de 10 toneladas cada una, situadas nun espazo composto de 12 bloques do mesmo material e que as rodean en forma de crómlech megalítico.

A contundente abstracción das formas e a exploración das capacidades espaciais dos materiais incorporan o espazo físico ao lenzo. Ademais, o branco neutro das pedras recolle e expande a luz pola superficie, matizado polas texturas, e outorga un silencio absoluto á obra.

Esta quietude só se anima ante a incidencia da luz sobre a superficie escultórica,enchéndoa de vivacidade ao proxectar sombras, que modifican a súa superficie e matizan a cor segundo a incidencia da luz, o que dota de vida propia á composición.

Espazo, materia e luz son os elementos dos que se vale o artista para articular a súa obra, aplicadas a esta representación abstracta e atemporal na que tan importantes son as pezas de pedra como o baleiro que as envolve.

O crómlech, reminiscencias de pedras rituais megalíticas, enche de misterio e significación ao grupo escultórico ao asocialo á maxia de ritos ancestrais. Foi unha figura moi empregada por Nóvoa como un elemento de expresión espacial simple. Foi vista como unha volta ás raíces galegas por parte do artista, así como un instrumento de creación de paisaxes internas baseadas nas vivencias do escultor.

Esta escultura é unha mostra das claves creativas características de Nóvoa: uso de formas abstractas, redución absoluta da cor, equilibrio compositivo e clara tendencia á desmaterialización. É representativa da etapa artística desenvolvida por Nóvoa nos anos noventa, composta de composicións equilibradas e expresivas, dun alto compoñente poético.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)