
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Historia
O 21 de setembro conmemórase o Día Mundial do Alzhéimer, data que leva celebrándose dende 1994, co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre esta enfermidade.
O Alzhéimer é unha enfermidade cerebral que causa problemas coa memoria, a forma de pensar e o carácter ou a maneira de comportarse. É a forma máis común da demencia, perda de memoria e doutras habilidades intelectuais, sendo tan severa que interfire coa vida cotiá do individuo. Debido a que un 70 por cento daquelas persoas que padecen Alzhéimer viven nos seus fogares, o impacto desta enfermidade esténdese a millóns de familiares, amigos e coidadores.
A demencia non é unha enfermidade en concreto senón un conxunto de síntomas relacionados cunha diminución das capacidades mentais que empeora co paso do tempo. Aínda que existen moitos síntomas, a maioría das persoas experimentan perda de memoria severa que afecta as actividades diarias, confusión, desorientación en lugares coñecidos e problemas co fala e a escritura.
Esta enfermidade foi descrita por vez primeira por Alois Alzheimer no ano 1906, e a partir do seu artigo no Manual de Psiquiatría de Kraepelin de 1910 comezou a coñecerse como enfermidade de Alzhéimer.
Descrición
O Espazo da Memoria de Bonaval honra aos pacientes con Alzhéimer e outras demencias, así como ás súas familias. Foi inaugurado no Día Mundial do Alzhéimer do 2016, converténdose no acto central dunha xornada na que tamén se celebrou unha marcha solidaria, dende o Monte do Gozo até o Parque de San Domingos de Bonaval, na que participaron centos de persoas.
O Concello de Santiago cedeu o espazo á Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias (Fagal). Neste punto plantouse un carballo (Quercus robur), enterrouse unha cápsula do tempo e colocouse unha placa conmemorativa. A cápsula do tempo está programada para ser recuperada despois de trinta anos, que é cando se agarda que estas enfermidades estean superadas e non sexan máis que un recordo do pasado.
En Galicia estímase que hai unhas 100.000 persoas que sofren demencias, estando a metade destas sen diagnosticar, sobre todo nas zonas rurais. Calcúlase que sobre 200.000 familiares e coidadores atenden a ese colectivo, polo que o Espazo da Memoria trata de concienciar deste problema, reivindicando unha maior atención que responda ás necesidades sociais e sanitarias dos enfermos e dos seus coidadores.