mainimg
Código: CC002
-
Cans Ceibos
Localización

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Descrición

Na cidade de Santiago de Compostela, a pesar de que a normativa establece que en xeral, os cans deberán ir en compañía dunha persoa responsable que os pasee suxeitos pola correa, existen diferentes espazos onde está permitido que estean ceibos.

No 2011 desenrolouse unha campaña sobre a convivencia de mascotas, composta de material divulgativo con información específica sobre esta actividade, de dispensadores de bolsas con contedor para a recollida de excrementos e sinalización dos espazos onde se permiten cans ceibos. A sinalización colocouse en determinadas zonas dos parques marcando os espazos preferentes para cans, onde poden pasear ceibos, mais tamén estarán baixo o control e a responsabilidade do seu dono.

Os espazos de cans ceibos serven para convivir de xeito cívico, fomentando as boas prácticas en relación co espazo público e os animais. Estas zonas, delimitadas e separadas fisicamente da contorna, están habilitadas para que os cans podan relacionarse libremente entre eles, correr e xogar, potenciando o seu exercicio e sociabilidade.

A convivencia cos cans nos espazos públicos leva consigo tres pasos: identificar o can, recoller os seus excrementos e pasealo con correa, tres normas que axudarán ás mascotas e a toda a veciñanza a manter unhas mellores relacións. Coidar da nosa cidade, dos seus espazos verdes e zonas urbanas é obriga de toda a cidadanía.

Ter un animal de compañía, e especialmente un can, implica varias responsabilidades e compromisos coa sociedade e coa túa mascota que se deben cumprir. É fundamental que o animal reciba todas as vacinas e tratamentos necesarios, non só para previr enfermidades, senón tamén para cumprir coas medidas sanitarias municipais, galegas ou de carácter xeral.

A problemática dos excrementos caninos nos espazos públicos non é un problema menor. Cada día as mascotas xeran unha grande cantidade de residuos orgánicos que son nocivos e que implican grandes problemas: hixiénicos, sanitarios, ambientais, de seguridade ou de deterioro da imaxe da cidade. Os excrementos son a principal fonte de contaxio de enfermidades entre mascotas e poden provocar a existencia de zonas na cidade contaminadas por parasitos, capaces de infectar ás persoas e producir diversas afeccións.

Non se debe pensar que deixar os excrementos nun xardín ou zona verde é beneficioso porque se vaian a converter en fertilizante, máis ben todo o contrario, xa que se provoca a aparición dun foco de infección e reduce o espazo limpo de lecer e goce de todos.

A ordenanza municipal de convivencia, relativa á posesión e custodia de animais, establece unha serie de normas básicas para a convivencia con mascotas:

- Nos espazos públicos os cans teñen que ir suxeitos por correa, agás nestes espazos de cans ceibos.

- Deben estar controlados sempre, mesmo nos sitios onde se permiten cans ceibos.

- A recollida de excrementos é obrigatoria.

- Non está permitida a presenza de cans nas áreas de xogo infantil.

- Os cans deben ir provistos do chip identificador.

- Compre anotarlles no colar o número de teléfono da persoa responsable do animal.

- A esterilización dos cans é moi recomendable, non lles causa dano e facilita a convivencia.

- O maltrato e abandono de animais está penado pola lei.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)