
Zona verde
Bosque de Galicia
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Conxunto escultórico
Cronoloxía
2021
Autor
Manolo Paz
Historia
Manolo Paz é, xunto a Francisco Leiro, un dos artistas máis persoais e imaxinativos da escultura galega universalizada. Dáse a coñecer en 1979, coa súa participación na V Bienal Nacional de Pontevedra, na que sorprenderon as súas pedras vagamente humanizadas, cunha labra razoada e, sen embargo, elemental. O seu éxito levouno a estar presente en numerosas edicións posteriores e foi sempre un dos artistas máis admirados.
As súas obras percorreron Galicia e chegaron a Madrid e a outras cidades de España, así como a Portugal. Co citado Leiro e cos pintores Menchu Lamas, Patiño e Antón Lamazares confirmou a súa categoría na Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Santander, a mediados dos 80, ata que chegou a Nova York, Alemaña e O Xapón, confirmando a súa condición de novo valor recoñecido.
Na actualidade, conta cun nome xa consagrado cunha obra que se estende por museos e coleccións institucionais de Galicia, de España e de numerosos países do mundo.
Descrición
O Bosque de Galicia acolle a intervención artística Espellos realizada polo artista Manolo Paz co obxectivo de afianzar o vínculo deste complexo arquitectónico coa Ruta Xacobea e a cidade de Santiago de Compostela. Está composta por grandes cilindros de pedra que funcionan como unha gran fiestra de pedra desde a que contemplar a capital galega desde unha perspectiva única. Estas pezas artísticas procuran, por tanto, espertar o interese deses camiñantes co obxecto de que fagan unha parada no camiño para visionar —antes da meta anhelada que é a catedral— a perspectiva orixinal que da mesma se lle ofrece desde este cumio, integrada na contorna natural da capital de Galicia. Ademais de ofrecer unha panorámica diferente sobre a capital galega, estas pezas de 3,5 metros de alto por 3,8 de ancho e 12 toneladas de peso servirán tamén para estreitar aínda máis a conexión da Cidade da Cultura co Camiño de Santiago, xa que a Vía da Prata transcorre paralela ao Monte Gaiás, polo barrio compostelán de Sar.
O nome de Espellos provén desa imaxe que todo camiñante ten en mente da catedral, como fin último da peregrinación ou do Camiño, e que a fiestra central destas dúas esculturas lle permiten reflectir uns chanzos antes da chegada. A construción en pedra —obtida da cantería compostelá de Lamas de Abade— remite ex profeso aos numerosos valados dos sendeiros interiores das diferentes Rutas Xacobeas e como apostou polo dobre arco —tan característico do románico e tan presente na arte do Camiño— para construír a apertura ocular interior desde a que se encadra o visionado da catedral. Nesta argumentación simbólica, as esculturas tamén apelan á cultura castrexa, con tanto arraigamento en Galicia, xa que nun xogo de perspectiva os Espellos remiten aos castros celtas, neste caso elevados en vertical, en vez de xacentes no chan.