mainimg
Código: GX009
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Granxa do Xesto

Parroquia

Vista Alegre

Identificación

Nome científico

Crataegus monogyna Jacq.

Nome común en galego

Espiño, estripeiro, estripo espiño branco, espiño albar ou escambrón

Nome común en castelán

Espino blanco, espino albar o majuelo

Biometría

Perímetro normal

0,3 metros

Altura

4,7 metros

Diámetro de copa

4,6 metros

Idade estimada

14 anos

Información

Características

Xunto con outros espiños, sitúase ao bordo dos camiños que percorren o terreo na parte superior da cafetería.

Orixe e distribución

Esta especie está presente en case toda a Península Ibérica, gran parte de Europa, o Norte de África e Asia, dende o nivel do mar até os 1.800 metros de altitude. Ocupa unha área bastante extensa grazas á súa rusticidade e pouca esixencia. Prefire substratos preferiblemente secos, xa que non tolera os chans mal drenados. Aínda que é orixinario de rexións temperadas soporta ben o frío, e pode medrar a pleno sol ou en media sombra.

Descrición

Pequena árbore caducifolia que pode chegar a alcanzar os dez metros de altura, con porte erecto e arredondado. As pólas, abondosas e compactas, teñen espiñas. A cortiza é agrisada e torna marrón escura coa idade.

Follas fendidas profundamente formando entre tres e sete lóbulos desiguais, de cor verde claro brillante. En primavera emite pequenas flores brancas simples, suavemente perfumadas, compostas polos cinco pétalos radiais característicos da familia das Rosáceas, á que pertence esta árbore. As flores teñen numerosos estames centrais e están reunidas en corimbos. Ao final do verán convértense en pequenas baias vermellas, cunha única semente no seu interior, sendo moi prezados polos paxaros que son os encargados de espallar as súas sementes.

Etimoloxía

O seu nome científico crataegus, moi utilizado xa dende a época romana, procede do adxectivo grego krataios (forte ou robusto), que alude á súa dura madeira. O epíteto específico monogyna describe o seu pistilo, dotado dunha única folla carpelar, polo que o seu froito ten unha soa semente, mentres que noutras especies de espiños poden ter varios ósos. Os nomes comúns están referidos á cor das súas flores e á presenza de espiñas nas pólas.

Usos

De interese ornamental polo seu porte piramidal, é popular en parques e xardíns. Luce mellor como exemplar illado debido á súa fermosa floración, mais a presenza de espiñas nas súas pólas fan que tamén sexa moi utilizado para formar sebes defensivas.

O espiño úsase en medicina dende hai séculos. As súas follas, flores e froitos encerran numerosos principios activos e teñen propiedades cardiotónicas e vasodilatadoras, polo que se emprega no tratamento de afeccións do sistema cardiovascular. Foi por isto que a súa administración esixe prudencia e non pode realizarse sen supervisión médica. As flores secas tamén conteñen propiedades sedantes, polo que adoitan aparecer nas mesturas de herbas que en tisana axudan a conciliar o sono ou controlar a ansiedade e a tensión.

A súa madeira, branca e suave, úsase normalmente para a construción e a elaboración de papel. É moi resistente ao rozamento, polo que é apreciada en tornería. Tamén se emprega na fabricación de carbón de alto poder calorífico.

Dada a súa rusticidade serve como patrón de enxerto de árbores froiteiras como pereiras ou nespereiras. Os nenos xogaban a lanzar os seus froitos a través dun tiratacos, mais tamén serven para a elaboración de marmeladas ou para aromatizar os licores. As sementes aparecen nos asentamentos peninsulares prehistóricos, polo que se cre que formaban parte da dieta humana dende o Paleolítico.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)