mainimg
Código: AL076
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Crataegus laevigata (Poir.) DC

Nome común en galego

Espiño navarro, espiño vermello ou estripeiro vermello

Nome común en castelán

Espino navarro, espino ardiente o majuelo de dos huesos

Información

Características

Un grupo de espiños forman unha aliñación na ladeira que baixa dende os Paseo das Letras Galegas, xunto ao Miradoiro do Campus Universitario, cara o parque infantil da parte baixa, na avenida de Compostela. Sitúanse tras outra aliñación, esta vez formada por castiñeiros das Indias (Aesculus hippocastanum).

Orixe e distribución

Especie procedente do oeste e centro de Europa. Destaca a súa presenza no leste da Península Ibérica, a República Checa e Hungría. Atopámola medrando de forma espontánea no País Basco, Navarra e na Rioxa.
Medra asociada aos bosques de faia ou de carballo, propios das rexións onde habita, case sempre formando parte da orla arbustiva e espiñenta xunto a abruñeiros, roseiras silvestres e silvas. Habita principalmente entre os 500 e 900 metros de altitude.

Descrición

Pequena árbore caducifolia que pode chegar a alcanzar os 10 metros de altura, con porte erecto e arredondado. As pólas, abondosas e compactas, teñen espiñas. A cortiza é agrisada e torna marrón escura coa idade.
Follas fendidas profundamente formando entre tres e sete lóbulos desiguais, de cor verde claro brillante. En primavera emite pequenas flores brancas simples, suavemente perfumadas, compostas polos cinco pétalos radiais característicos da familia das Rosáceas, á que pertence esta árbore. As flores teñen numerosos estames centrais e están reunidas en corimbos. Ao final do verán convértense en pequenas baias vermellas, cunha única semente no seu interior, sendo moi prezados polos paxaros que son os encargados de espallar as súas sementes.

Etimoloxía

O seu nome científico crataegus, moi utilizado xa dende a época romana, procede do adxectivo grego krataios (forte ou robusto), que alude á súa dura madeira. O epíteto laevigata significa liso ou puído, en referencia á ausencia de pelos. Os nomes comúns están referidos á cor das súas flores e á presenza de espiñas nas pólas.

Usos

De interese ornamental polo seu porte piramidal, é popular en parques e xardíns. Luce mellor como exemplar illado debido á súa fermosa floración, mais a presenza de espiñas nas súas pólas fan que tamén sexa moi utilizado para formar sebes defensivas.
O espiño úsase en medicina dende hai séculos. As súas follas, flores e froitos encerran numerosos principios activos e teñen propiedades cardiotónicas e vasodilatadoras, polo que se emprega no tratamento de afeccións do sistema cardiovascular. Foi por isto que a súa administración esixe prudencia e non pode realizarse sen supervisión médica. As flores secas tamén conteñen propiedades sedantes, polo que adoitan aparecer nas mesturas de herbas que en tisana axudan a conciliar o sono ou controlar a ansiedade e a tensión.
A súa madeira, branca e suave, úsase normalmente para a construción e a elaboración de papel. É moi resistente ao rozamento, polo que é apreciada en tornería. Tamén se emprega na fabricación de carbón de alto poder calorífico.
Dada a súa rusticidade serve como patrón de enxerto de árbores froiteiras como pereiras ou nespereiras. Os nenos xogaban a lanzar os seus froitos a través dun tiratacos, mais tamén serven para a elaboración de marmeladas ou para aromatizar os licores. As sementes aparecen nos asentamentos peninsulares prehistóricos, polo que se cre que formaban parte da dieta humana dende o Paleolítico.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)