mainimg
Código: AM027
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Estanque

Cronoloxía

1990

Historia

O estanque do Parque do Monte da Almáciga supón un sistema de drenaxe sostible da auga recollida no parque, xa que reúne o líquido obtido do manancial situado nese punto xunto coa auga da chuvia e da escorrenta superficial procedente das abundantes precipitacións que caen sobre o parque. Grazas a esta xestión das augas realizada por medio do embalsado no estanque, evítanse posibles incidencias relacionadas coa erosión, as inundacións ou a ruptura dos ciclos hidrolóxicos naturais.

Ademais de aportar frescor ao parque, este estanque contribúe de forma significativa á biodiversidade da zona, xa que desenvolve un asombroso equilibrio ecolóxico coa formación dun pequeno ecosistema acuático seminatural. No estanque está presente unha elevada diversidade de flora e fauna, que acotío aparece xunta porque comparten similares requirimentos de humidade.

Dentro da auga acumulada no estanque medran varias especies vexetais propias das zonas húmidas, xa que se tratan de especies palustres adaptadas aos ambientes propios dos medios acuáticos. Ademais, as masas de auga doce coma esta supoñen unha importante fonte de alimento, refuxio e refresco para a fauna.

Nos lugares onde as augas se acumulan con certa profundidade, sexan de xeito natural ou nunha bolsa artificial como no caso deste estanque, é posible atopar numerosas especies animais diferentes, como as que se citan a continuación:

- As aves abondan especialmente durante os meses de primavera e verán, debido á maior presenza de insectos voadores na contorna, e que atraen ás especies insectívoras como a lavandeira branca (Motacilla alba), os rabirrubios (Phoenicurus ochrurus) ou os paporrubios (Erithacus rubecula).

- Libeliñas e cabaliños do demo (odonatos), cuxas larvas medran no estanque, alimentándose doutros invertebrados até que saen da auga cara a vexetación emerxente, onde completan a súa metamorfose.

- Anfibios como rás verdes (Rana perezi) ou os pintafontes (Lissotriton boscai), que requiren do medio acuático para reproducirse e completar o seu desenrolo cando son larvas e cágados.

- Efémeras (eferópteros), que teñen unha curta vida, xa que como adultos viven un máximo de 24 horas. Nas súas diferentes fases larvarias serven como alimento de peixes e batracios.

- Zapateiros (Gerris sp.), cuxas longas patas cubertas de pelos hidrófobos permítenlles manterse sobre a superficie da auga onde se desprazan con axilidade para dar caza aos pequenos invertebrados que caen na lámina de auga.

- Pequenos crustáceos filtradores, como as pulgas de auga (Daphnia sp.), que se alimentan do plancto e serven de alimento a moitos organismos presentes na lámina de auga.

Descrición

O estanque do Parque do Monte da Almáciga está situado na zona noroeste da zona verde. É de nova creación, xa que este espazo acondicionouse xunto coas obras de urbanización do barrio e o axardinamento do parque realizadas na década dos 90 do século XX.

Antes das reformas existía neste punto un manancial que fornecía a unha fonte. A auga deste manancial foi empregada para alimentar o estanque, aproveitándose a pendente natural do terreo para desenvolver unha pequena fervenza sobre a rocha, na que a auga cae nunha pequena pía semicircular na que sobresaen pedras pulidas pola erosión hídrica e que están cubertas dunha vizosa vexetación.

Unha pequena canle conduce a auga dende a pía cara un pequeno lago artificial de forma irregular, xa que os seus bordos contan con liñas cóncavas e convexas, ángulos e curvas. No seu interior medran papiros (Cyperus papyrus) formando tres grandes grupos, acompañadas doutras plantas acuáticas como a lentella de auga (Lemna minor).

Arredor da auga atópase unha gran variedade vexetal formada por carballos, sobreiras, liquidámbares, salgueiros, dracaenas, palmeiras de abano e rododendros. Tanto a frondosa vexetación, que envolve o estanque proxectando a súa sombra sobre a auga, como a súa orientación, converten este recuncho nun lugar idóneo para o descanso nas longas xornadas de calor do verán.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)