
Zona verde
Parque da Finca do Espiño
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Estanque
Cronoloxía
2014
Historia
O Estanque da Finca do Espiño supón un sistema de drenaxe sostible coa recarga natural de acuíferos, evitando grandes superficies impermeables e o transporte da auga de chuvia a puntos afastados que rompen os ciclos hidrolóxicos e reducen a capacidade da auga e da contorna para diluír os contaminantes que son arrastrados, especialmente ao limpar as primeiras chuvias pavimentos e tellados. Estes contaminantes poden afectar á vida do río, especialmente ás troitas (Salmo trutta) que son a especie máis sensible á contaminación de aquelas que habitan o Sarela.
O beneficio que teñen as políticas de conservación de auga ao reducir o seu consumo ten asociadas outras vantaxes como son as diminución do consumo de enerxía nas labores de captación, potabilización, distribución e depuración da auga.
Descrición
Esta pequena lagoa é de nova creación, conformada durante a rehabilitación do parque realizada a comezos deste século. Está situada na zona de cotas máis baixas da Finca do Espiño, o que implica que todas as augas de escorrentía finalizan aquí, converténdose no lugar idóneo para a construción dunha balsa de recollida de augas.
Conta cun sistema de filtración natural de auga, formado por especies vexetais propias de zonas húmidas, pedras e circuítos pechados cos que depurar a auga. De esta forma se realiza un tratamento in situ da auga, mediante a depuración e filtrado naturais, ao tempo que evita a súa canalización e transporte ao río Sarela.
As especies de zona húmida, palustres, flotantes e somerxidas que contén o estanque están organizadas en zonas de profundidade:
- Na parte de arredor do estanque, de terra encharcada mais non somerxida, podemos atopar as especies propias de zona húmida como os lirios (Iris sp.) cálamos ou acoros (Acorus sp.) Están situados preto da plataforma de madeira colocada nun dos laterais do estanque.
- Xa dentro do estanque, nun área somerxida entre o centímetro e os cinco centímetros de profundidade, atopamos as especies palustres entre as que destacan os papiros (Cyperus papyrus) e as espadanas (Typha laxmannii).
- Entre os 5 e os 20 centímetros de profundidade dispóñense as plantas flotantes arraigadas, que teñen as raíces soterradas na terra baixo o estanque, os talos somerxidos e as follas e as flores flotan na superficie da auga. Entre estas plantas flotantes destaca a presenza dos nenúfares, que aportan a súa beleza ao conxunto mentres que serven de acubillo ás rás que aproveitan o estanque como hábitat.
- Totalmente somerxidas sitúanse as ceratófilas ou colas de raposo (Ceratophyllum demersum) que dan verdor ao fondo do estanque. Esta planta tan frecuente nos acuarios carece de raíces, polo que medra nos lagos e ríos de pouca corrente de todo o mundo, axudando a controlar as algas e a manter a auga osixenada.
A solución de crear un estanque na Finca do Espiño ten como resultados a mellora da xestión da auga, a redución dos caudais punta e a reciclaxe e depuración da auga.