
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Tipoloxía
Estanque
Cronoloxía
Século XVIII
Historia
O curtido é un proceso de transformación mediante o cal unha pel de animal, normalmente vacún, convértese nun material imputrescible e impermeable denominado coiro. Nas tarefas de curtido auméntase a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.
Habitualmente en Galicia, como elemento curtinte emprégase a cortiza de carballo (Quercus robur) pola súa alta concentración en taninos, mais tamén podía empregarse doutras especies como a aciñeira (Quercus ilex) ou o sanguiño (Rhamnus frangula).
Un muíño da casca serve para moer as cortizas dos carballos, extraendo o tanino co que facer o curtido das peles. Segundo conta Xaquín Lorenzo, consiste nunha gran pía circular feita de pedra. No centro ten un eixo vertical de madeira que xira derredor dos cabos mediante uns espigos de ferro, un no chan e outro nunha trabe. Este eixo, chamado fuso, ten un enganche onde se lle articula un pau horizontal, a guía, que pasa polo centro dunha roda de pedra cos bordos ondulados.
Trátase dun muíño de tracción animal, polo que no cabo da guía ten xunguida unha mula que, ao camiñar arredor da pía fai xirar a roda de pedra, que vai esmagando a casca colocada mediante un angazo. O muíño da casca é similar e ten o mesmo sistema de moído que algún dos tipos empregados para o aceite, aínda que estes teñen a roda lisa e máis pequena.
Descrición
Preto da cancela de ferro que pecha o xardín xeométrico e do Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán, hoxe Local Sociocultural de Vidán, consérvase un estanque circular que era parte do antigo muíño de casca e que formaba parte do conxunto industrial.
É un estanque de pedra que ten forma circular. No centro de estanque aínda conserva o punto onde iría o aparello de moer, cunhas pezas alargadas que farían de eixo para a rotación da roda vertical que moería a casca de carballo, impulsada por unha besta enganchada ao muíño. O suco circular producido polos pases da cabalgadura ao redor do muíño tamén se conserva no actual estanque.
O estanque está rodeado por acantos (Acanthus mollis), de pequenas flores apiñadas en forma de espiga nun longo talo e follas verde escuro, profundamente lobuladas coma as do cardo. Unha antiga lenda conta que Calímaco deseñou o primeiro capitel corintio, cara ao ano 400 a.C, inspirándose nunha canastra de follas de acanto, sobre a que emerxía un conxunto de volutas. Aínda que ao principio considerouse como un elemento decorativo do espazo interior, a primeira obra desta orde no exterior é a Lanterna de Lisícrates de Atenas.
Un banco corrido de pedra, que tamén mantén a curvatura do estanque, invita a sentarnos a gozar da auga e da sombra das árbores da contorna.