
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Eucalyptus globulus Labill.
Nome común en galego
Eucalipto
Nome común en castelán
Eucalipto
Características
Un grupo de eucaliptos de bo porte medran preto da carballeira do Parque de Eugenio Granell. Forman parte da flora preexistente antes da rehabilitación do espazo como parque público, cando o terreo estaba ocupado por unha finca privada na que medraban árbores froiteiras, piñeiros, eucaliptos e outras árbores.
Orixe e distribución
Os eucaliptos proceden do sueste e sur de Tasmania, Illas King e Flinders (ao norte de Tasmania) e do estado de Victoria (Australia), zonas onde está amplamente expandida, en especial preto de cursos de auga, mais non supera os 300 metros de altitude sobre on nivel do mar.
O eucalipto foi introducido en Europa no 1856. Entrou en Galicia da man do monxe beneditino Frei Rosendo Salvado (Tui 1814-Roma 1900) misioneiro na outra parte do mundo, quen en 1863 enviou sementes de eucalipto dende Australia aos seus familiares.
Descrición
De enorme porte, pode superar os 100 metros de altura. No seu país de orixe citáronse exemplares de até 150 metros. Os eucaliptos plantados entre 1880 e 1912 no Souto da Retorta en Viveiro son as árbores máis altas da Península Ibérica, xa que algúns roldan os 90 metros.
Hai que destacar na súa descrición a existencia de dous tipos de follas: as novas son verdeazuladas, con forma de corazón, opostas por parellas e non teñen pecíolo; as vellas (que son realmente filodios) teñen forma de fouce, son de cor verde escuro, dispóñense de xeito espallado e van sostidas por un pecíolo. Ademais é notable o desprendemento da súa cortiza en longas tiras verticais.
Etimoloxía
Eucalyptus provén do grego eu (ben) e kalyptos (cuberto), pois os botóns florais están cubertos por unha tapadeira leñosa hemisférica ou globular, de aí o nome específico globulus. Sen embargo outros autores atribúen este nome ao parecido dos opérculos con certos botóns chamados globulus, de moda no ano 1779, cando Labillardière descubriu a especie en Tasmania.
Usos
As súas follas, de propiedades balsámicas e antisépticas polo seu eucaliptol, utilízanse contra a bronquite e catarros en forma de infusión ou inhalación. O aceite de eucalipto utilízase contra a malaria, cultivándose ademais en lugares onde esta enfermidade é endémica para desecar as zonas pantanosas, cortando o ciclo da enfermidade.
Ao ser unha árbore de extraordinario crecemento, cultívase como forestal obténdose unha madeira castaña-amarela, dura, pouco duradeira e en xeral de mediana calidade, usada para carpintería, embalaxes, taboleiros, bateas, combustible e obtención de carbón. Xunto a algunhas coníferas, é o principal produtor mundial de pasta de papel.