Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Eucalyptus globulus Labill.
Nome común en galego
Eucalipto
Nome común en castelán
Eucalipto
Perímetro normal
5 metros
Altura
40 metros
Diámetro de copa
26 metros
Idade estimada
120-140 anos
Características
Polo seu emprazamento e polo banco que o rodea, esta árbore foi alcumada o Eucalipto dos Namorados. Conta a tradición que para casar hai que dar unha volta ao banco e non hai dúbida -á vista das inscricións do tronco- que é espazo preferido para confidencias.
Esta árbore centenaria é un Eucalyptus globulus; ten unha altura próxima aos 40 metros e un perímetro medio de 5 m no tronco e 26 na copa. Pola súa situación, antigüidade e porte está considerada como unha das árbores senlleiras de Galicia ((código 45A); por iso está catalogada e conta con pautas de conservación específicas.
No século XIX -cando as viaxes oceánicas comezaron a ser máis rápidas- as especies vexetais exóticas entraron en Europa dun xeito máis doado. Os xardíns e parques urbanos foron o destino de moitas destas variedades que se elixían e plantaban para embelecer estes espazos de sociabilidade e lecer. En Santiago, a Real Sociedade Económica de Amigos do País foi a gran dinamizadora desta práctica, instalando na Alameda árbores e sementes que chegaban á cidade.
Unha destas plantas exóticas foi o Eucalipto, sendo a Alameda un dos lugares onde atoparon fogar as sementes de eucalipto que enviou a Galicia frei Rosendo Salvado, orixinario de Tui, bispo de Nova Nursia (Australia). Era unha especie moi interesante polas propiedades medicinais das súas follas, tal e como o propio bispo contaba, e por mor delas e polo seu valor ornamental foi cultivada en Galicia esporadicamente até mediados do século XX; é daquela cando se reintroduce como especie madeireira nos espazos forestais.
Aínda que hai moita discusión, a documentación proba o envío feito dunhas sementes á cidade de Santiago e a plantación dalgunhas delas na Alameda por iniciativa da Real Sociedade. Di a tradición que este exemplar naceu dunha daquelas sementes, aínda que todo apunta a que as primeiras sementes de Salvado eran posiblemente Eucalyptus marginata (alcumada como a caoba de Perth); pero é certo que o bispo puido traer outras variedades en calquera das súas viaxes a Galicia. En todo caso esta é hoxe unha árbore centenaria e está acompañada doutras -tamén antigas- que hai ao longo deste mesmo paseo. A esta os expertos calcúlanlle unha antigüidade de 120-140 anos.
Orixe e distribución
Os eucaliptos proceden do sueste e sur de Tasmania, Illas King e Flinders (ao norte de Tasmania) e do estado de Victoria (Australia), zonas onde está amplamente expandida, en especial preto de cursos de auga, mais non supera os 300 metros de altitude sobre on nivel do mar.
O eucalipto foi introducido en Europa no 1856. Entrou en Galicia da man do monxe beneditino Frei Rosendo Salvado (Tui 1814-Roma 1900) misioneiro na outra parte do mundo, quen en 1863 enviou sementes de eucalipto dende Australia aos seus familiares.
Descrición
De enorme porte, pode superar os 100 metros de altura. No seu país de orixe citáronse exemplares de até 150 metros. Os eucaliptos plantados entre 1880 e 1912 no Souto da Retorta en Viveiro son as árbores máis altas da Península Ibérica, xa que algúns roldan os 90 metros.
Hai que destacar na súa descrición a existencia de dous tipos de follas: as novas son verdeazuladas, con forma de corazón, opostas por parellas e non teñen pecíolo; as vellas (que son realmente filodios) teñen forma de fouce, son de cor verde escuro, dispóñense de xeito espallado e van sostidas por un pecíolo. Ademais é notable o desprendemento da súa cortiza en longas tiras verticais.
Etimoloxía
Eucalyptus provén do grego eu (ben) e kalyptos (cuberto), pois os botóns florais están cubertos por unha tapadeira leñosa hemisférica ou globular, de aí o nome específico globulus. Sen embargo outros autores atribúen este nome ao parecido dos opérculos con certos botóns chamados globulus, de moda no ano 1779, cando Labillardière descubriu a especie en Tasmania.
Usos
As súas follas, de propiedades balsámicas e antisépticas polo seu eucaliptol, utilízanse contra a bronquite e catarros en forma de infusión ou inhalación. O aceite de eucalipto utilízase contra a malaria, cultivándose ademais en lugares onde esta enfermidade é endémica para desecar as zonas pantanosas, cortando o ciclo da enfermidade.
Ao ser unha árbore de extraordinario crecemento, cultívase como forestal obténdose unha madeira castaña-amarela, dura, pouco duradeira e en xeral de mediana calidade, usada para carpintería, embalaxes, taboleiros, bateas, combustible e obtención de carbón. Xunto a algunhas coníferas, é o principal produtor mundial de pasta de papel.