
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Euonymus japonicus Thunb.
Nome común en galego
Evónimo variegado, euónimo ou pucho de crego
Nome común en castelán
Bonetero de Japón
Características
É un pequeno exemplar situado xunto á estatua da esquerda no Paseo dos Plátanos, que corresponde á moza co brazo levantado. A pesar do seu pequeno tamaño, chama bastante a atención pola súa situación e pola coloración variegada das súas follas, que combina o verde central co amarelo nos bordos.
Orixe e distribución
Procede do sur de Xapón. Foi introducida en Europa como planta ornamental a finais do século XIX, aínda que pode aparecer asilvestrada esporadicamente en algúns lugares de Europa, entre os que destacamos as provincias de Lugo e Ourense.
Descrición
Arbusto ou arboriña perennifolia de até 8 metros de altura, coa copa globosa e compacta. Ten as follas simples e elípticas, co bordo aserrado e de cor verde escura e brillante, con textura coriácea. As follas da variedade variegada teñen manchas de cor branco, crema ou dourado.
As flores aparecen en primavera. Estas son pequenas e verdosas, agrupadas en cimas ou ramalletes apertados, de entre cinco e doce flores cada unha. Os froitos aparecen no outono, sendo cápsulas globosas, formadas por un arilo alaranxado que rodea á semente, que son tóxicos debido á presenza de heterósidos cardiotónicos.
Etimoloxía
O nome do xénero Euonymus, en grego, significa bo augurio. O significado é irónico pois ese nome empregábase para designar unhas árbores que causaban a morte aos animais que as comían, como recollen os autores clásicos Teofrasto e Plinio con referencia á especie europea do mesmo xénero. Japonicus (xaponés) refírese á procedencia desta especie.
Usos
Nas súas numerosas variedades, o evónimo é un dos arbustos máis cultivados. Emprégase en xardíns e parques como exemplar illado ou para a formación de sebes, sobre todo en aquelas formas que presentan a follaxe variegado, bitono de branco ou amarelo combinados coa cor verde central da folla, que lle aporta un gran valor decorativo.
Xunto co buxo (Buxus sempervirens), os ligustros (Ligustrum sp.), o ciprés de Arizona (Cupressus arizonica) e cos pitósporos (Pittosporum sp.), os evónimos son unha das plantas máis comúns e arbustivamente cultivadas para a topiaria.
As raíces proporcionan unha goma translúcida, flexible, parecida ao caucho. Tamén coñécese como o té de África porque nalgunhas zonas deste continente toman as follas en infusión.