mainimg
Código: BR026
-
Patrimonio
Localización

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Información

Tipoloxía

Fábrica de papel

Cronoloxía

1792

Autor

Nicolás de Santamarina

Historia

A zona é testemuña do desenvolvemento industrial de Compostela no século XVIII, xa que en 1792 Jacobo Pérez Villamarín, un comerciante residente en Vidán, decide crear un complexo industrial formado por unha fábrica de papel, varios muíños fariñentos e un curtidoiro, que foi punteiro no seu momento.

Comeza o seu proxecto industrial coa fábrica de papel, construída en 1792 por Nicolás Santamarina, que poucos anos máis tarde decide asociarse con Andrés María Fariña Tarrío para engadir unha fábrica de curtidos, mais este retirouse polos excesivos gastos que tiña dita construción. Manuel Freire Castrillón será o novo socio de Villamarín, e xuntos levantarían o Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán, mais no 1800 ten problemas económicos, polo que ten que ceder a súa parte da sociedade.

Aínda que en 1833 propúxose construír nesta papelería un lazareto, esta idea foi desestimada polos prexuízos que ocasionaría o peche da fábrica, que ocupaba diariamente a corenta e oito persoas e producía unhas seis mil resmas ao ano.

A crise do comercio colonial afectou a moitos muíños papeleiros porque minguou a demanda nos destinos americanos e aumentou a competencia dentro do mercado interior coa incorporación das papeleiras catalás, desprazando aos produtores peor situados.

A Fábrica de Papel de Laraño debeu de pecharse como tal a mediados do século XIX, cambiando a súa actividade ao converterse en batán para a elaboración de tecidos de lá, no que posiblemente foi a súa época de maior esplendor. Máis tarde transformouse de novo para dedicarse á serradura de pedra e madeira.

Na primeira metade do século XX foi fábrica de xeo e cervexa, pasando despois a propiedade á empresa Papeleira de Brandía, que abandonou as súas vellas instalacións do río de San Xusto, en Lousame no concello de Noia, para instalar unha moderna fábrica de papel neste lugar da ribeira do Sar.

A incuria e o abandono foron arruinando a vella fábrica de papel, até que en 2007 aprobouse o Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Fabril da Antiga Papeleira de Vidán. A recuperación destes edificios permitiron completar a oferta hoteleira da cidade con servizos actualmente moi demandados, vinculados á utilización da auga como elemento terapéutico e de ocio. A vella fábrica rehabilitada recobrou a estrutura do XVIII, recuperando unha contorna natural privilexiada a carón do río Sar. Co plan especial logrouse harmonizar todos os espazos deste conxunto, respectando o medio ambiente e recuperando para o uso un importante valor patrimonial. O criterio de ordenación deste aproveitamento foi a creación dun novo corpo acristalado que une a edificación existente da antiga fábrica cun corpo previsto de nova creación, recuperando a traza orixinal de todo o complexo fabril.

Descrición

Foi mal denominada en ocasións como hidroeléctrica, posto que realmente tratábase dunha fábrica de papel, a máis grande das existentes en Galicia na época preindustrial. Forma un conxunto de arquitectura industrial de grande interese, tanto pola súa envergadura, como pola súa singularidade. Desta antiga construción fabril do século XVIII conservábanse a comezos do século XXI o edificio principal e parte dalgunhas construcións adxectivas.

O edificio principal, construído no 1792, está formado por unha nave central rectangular de dous andares á que posteriormente no século XIX engadíronselle un par de corpos laterais para albergar a zona de oficinas ao leste e a casa do propietario ao oeste, formando un edificio en forma de T. No século XXI, foi rehabilitado como establecemento hoteleiro mantendo a súa volumetría, tanto e muros como en cuberta, e a disposición e pendentes orixinais.

O espazo formaba un interesante espazo urbano en torno a un patio central axardinado, no que unha fonte central organizaba o xiro das carruaxes, estando precedido por un paseo arborado xa desaparecido con carballos de gran envergadura, e que enlazaba o conxunto da fábrica coa estrada de Noia.

O complexo orixinal dispoñía tamén dunhas edificacións complementarias que albergaban os secadoiros, o muíño, unha zona de almacéns e as vivendas de empregados e outras dependencias que aínda se distinguen a través das fotografías aéreas do ano 1956-57. Dispón dun volume irregular debido á adaptación do seu plano ao asento nos desniveis do terreo que baixa cara o río. O conxunto conformaba un espazo arquitectónico moi interesante, fondo de percorrido e de perspectiva do complexo.

A casa dos caseiros, actualmente rehabilitada e formando parte do conxunto, ten interese etnográfico e de interpretación do funcionamento da fábrica de papel. É unha construción de tipoloxía popular que dispoñía de dous andares, muros perimetrais de cachotería de granito moreno existente na contorna, con reforzos de cantería nos ocos e cuberta a dúas augas de tella curva sobre estrutura de madeira.

No patio tamén atopábase un hórreo, hoxe recuperado e situado na zona de aparcadoiro do establecemento hoteleiro. Esta construción popular típica das casas de labranza nos campos galegos situábase preto da eira e tiña a función de celeiro de cereais (centeo, millo, paínzo...). A cámara deste hórreo está realizada en granito e madeira. Os pés son catro cepas, unha especie de pequenos muros do ancho do hórreo, que serven para levantar a construción para illar o cereal da humidade do chan. A cuberta consiste nun sinxelo tellado a dúas augas cuberto de tellas.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)