mainimg
Código: CA008
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Carlomagno

Barrio

Fontiñas

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Fagus sylvatica var. Purpurea Ait.

Nome común en galego

Faia púrpura

Nome común en castelán

Haya roja

Información

Características

Esta faia, cunha característica cor púrpura nas súas follas, medra a carón da marquesiña habilitada no espazo para ter os cans soltos, dentro do programa de convivencia con mascotas no ámbito urbano. Aínda non é de gran tamaño xa que é nova, mais destaca pola fermosa cor das súas follas.

Orixe e distribución

As faias púrpura xurdiron espontaneamente a partir das faias normais, endémicas do centro e oeste de Europa. Apareceu en diferentes lugares de Europa no século XV, e hoxe son cultivadas en numerosos parques e xardíns debido á beleza das súas follas purpúreas.

Descrición

É unha árbore caducifolia europea capaz de vivir con menor cantidade de luz, polo que o tamaño e forma da faia depende do seu ambiente; se ten espazo, estenderá as súas pólas amplamente, podendo medrar até os 40 metros, sendo unha boa árbore de sombra en espazos grandes. Pola contra, cando se atopan agrupadas en masas formando faiais, medrarán rectas e con poucas pólas, debido á competencia lumínica entre elas.

As súas pólas tenden á horizontalidade, buscando expor unha maior superficie foliar á luz do sol. Tamén poden xirar un pouco as súas follas cando vai demasiada calor para darse máis sombra e poder regular a excesiva transpiración. Protexe o solo ao xerar humus de gran calidade, e moitas especies de animais silvestres viven asociadas aos faiais.

As follas, ovaladas cos bordos ondulados, teñen cor púrpura cando alcanzan todo o seu desenrolo, que no outono toman unha tonalidade café. A cortiza é lisa, de cor grisácea sobre a que adoitan crecer liques que a colorean. As flores son polinizadas pola acción do vento (anemófila) e os froitos chámanse faiucos, son aquenios triangulares que medran en cúpulas puntiagudas.

Etimoloxía

O nome común da faia provén do latín fagus, do que toma o nome o xénero e que á súa vez provén do grego phagos, que significa comer ou comestible, en referencia aos froitos desta árbore e ao seu valor nutritivo. Sylvatica é unha palabra latina que refírese a algo propio dos bosques.

Usos

A faia relaciónase coa escritura. As primeiras letras empregadas para escribir as linguas xermánicas chamábanse runas, que se tallaban predominantemente en táboas ou bastóns de madeira de faia, aínda que tamén se fabricaban en menor medida coa de outras árbores. En alemán, a palabra usada para dicir letra é buchstabe, que significa literalmente bastón de faia. Dise que a Gutenberg chegoulle a inspiración para inventar a imprenta ao ver como un texto que gravara en cortiza de faia quedaba marcado no papel no que estaba envolta.

Segundo a mitoloxía grega, no Olimpo medraban faias nas que habitaban sabios bufos. Na mitoloxía romana e nas antigas lendas dos dacios (actual Romanía), era considerada como a árbore da fertilidade.

Na Península Ibérica, a madeira da faia empregábase na fabricación de remos, temóns e outras pezas dos navíos da Armada Española, xa que non podrece coa auga. Tamén se empregaba en carpintería, para fabricar toneis ou mangos de ferramentas de labranza. Na actualidade utilízase en ebanistería e carpintaría, destacando o seu uso en mobles curvados como cadeiras, xa que se torce sen romper, e nos parqués pola súa fermosa cor clara.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)