
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Sophora japonica Pendula L.
Nome común en galego
Falsa acacia do Xapón ou árbore do mel
Nome común en castelán
Falsa acacia del Japón o árbol de la miel
Características
Forma parte da vexetación que rodea os estanques nos xardíns de Méndez Núñez, a carón do Paseo Central da Alameda. A súa copa pendular fai parella coa moreira (Morus alba), que tamén presenta dita forma.
Orixe e distribución
Procedente do centro, norte e noroeste da China, discutiuse o seu carácter autóctono en Corea e Xapón. O malentendido débese a Karl Linneo, quen no seu inmenso labor de catalogación botánica no século XVIII, puxo denominou a esta árbore como japonica ou procedente de Xapón.
En Europa parece que foi introducida en 1747 nos xardíns de Trianon, nos parques versallescos de París, por Bernardo de Jussieu, a partir de sementes enviadas por Incarnaville. Unha vez estendido o seu cultivo a todo o continente, virou silvestre en República Checa, Francia e Romanía.
Descrición
É unha árbore de gran porte, coa copa ancha e redondeada. Acada uns 25 metros de altura e 1 metro de diámetro na base do tronco. As súas follas están compostas por entre 7 e 17 folíolos ovais que aparecen a finais da primavera, bastante tarde en comparación con outras árbores. Non florece até os 20 anos de vida, e as flores dan lugar a un legume en forma de rosario debido ao estrangulamento da vaíña entre cada unha das sementes.
O cultivar Pendula caracterízase porque as pólas caen gracilmente cara o chan, que lle confiren un pintoresco aspecto irregular. Ten moito menor desenrolo que a Sophora japonica, xa que alcanza unha menor altura. A diferenza doutras plantas, raramente produce flores nin sementes.
Etimoloxía
Especulouse sobre a orixe do nome sophora, que tal vez proceda dunha palabra árabe que designa unha árbore semellante. Japonica alude á orixe que Linneo outorgoulle en Xapón. O nome do cultivar Pendula describe a forma en que as pólas medran cara abaixo na árbore.
Usos
Emprégase principalmente como ornamental pola súa floración tardía e para a obtención dun rutósido a partir dos seus botóns florais, con acción semellante á vitamina P, activa sobre disfuncións circulatorias. É usada na medicina tradicional chinesa polas súas propiedades antihemorráxicas, calmantes e antiinflamatorias.
As follas son purgantes e da cortiza e botóns florais extraíase un colorante amarelo usado no Xapón para tinguir as roupas do emperador. A súa madeira amarela ou rosada é densa e doada de traballar, ráchase e tórcese coa humidade polo que non serve para a construción, mais si para ebanistería, pois non adoita encouzarse. Como ornamental ten o inconveniente de ensuciar o chan cos seus froitos carnosos cando caen no outono e por atraer a numerosas abellas que veñen visitar as súas flores.
A falsa acacia ten outros cultivares ademais do Pendula. O Fastigiata ten un crecemento marcadamente vertical, axeitado para lugares estreitos, e o Regent ten a copa oval e as follas brillantes.