mainimg
Código: CA015
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Carlomagno

Barrio

Fontiñas

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Sophora japonica L.

Nome común en galego

Falsa acacia do Xapón ou árbore do mel

Nome común en castelán

Falsa acacia del Japón o árbol de la miel

Información

Características

Os lamigueiros (Populus nigra) son as árbores máis características do paseo superior do Parque Carlomagno, mentres que as falsas acacias do Xapón son as que protagonizan o paseo inferior. Estas últimas forman dúas aliñacións aos bordos do camiño, combinadas con hortensias (Hydrangea sp.), creando unha cortina de vexetación vizosa que bloquea as vistas cara a rúa de Roma, illando o parque da estrada adxacente.

Orixe e distribución

Procedente do centro, norte e noroeste da China, discutiuse o seu carácter autóctono en Corea e Xapón. O malentendido débese a Karl Linneo, quen no seu inmenso labor de catalogación botánica no século XVIII, puxo denominou a esta árbore como japonica ou procedente de Xapón.

En Europa parece que foi introducida en 1747 nos xardíns de Trianon, nos parques versallescos de París, por Bernardo de Jussieu, a partir de sementes enviadas por Incarnaville. Unha vez estendido o seu cultivo a todo o continente, virou silvestre en República Checa, Francia e Romanía.

Descrición

É unha árbore de gran porte, coa copa ancha e redondeada. Acada uns 25 metros de altura e 1 metro de diámetro na base do tronco. As súas follas están compostas por entre 7 e 17 folíolos ovais que aparecen a finais da primavera, bastante tarde en comparación con outras árbores. Non florece até os 20 anos de vida, e as flores dan lugar a un legume en forma de rosario debido ao estrangulamento da vaíña entre cada unha das sementes.

Etimoloxía

Especulouse sobre a orixe do nome sophora, que tal vez proceda dunha palabra árabe que designa unha árbore semellante. Japonica alude á orixe que Linneo outorgoulle en Xapón.

Usos

Emprégase principalmente como ornamental pola súa floración tardía e para a obtención dun rutósido a partir dos seus botóns florais, con acción semellante á vitamina P, activa sobre disfuncións circulatorias. É usada na medicina tradicional chinesa polas súas propiedades antihemorráxicas, calmantes e antiinflamatorias.

As follas son purgantes e da cortiza e botóns florais extraíase un colorante amarelo usado no Xapón para tinguir as roupas do emperador. A súa madeira amarela ou rosada é densa e doada de traballar, ráchase e tórcese coa humidade polo que non serve para a construción, mais si para ebanistería, pois non adoita encouzarse. Como ornamental ten o inconveniente de ensuciar o chan cos seus froitos carnosos cando caen no outono e por atraer a numerosas abellas que veñen visitar as súas flores.

A falsa acacia ten diversos cultivares como o Pendula, coas pólas que medran cara abaixo na árbore, o Fastigiata ten un crecemento marcadamente vertical, axeitado para lugares estreitos, e o Regent ten a copa oval e as follas brillantes.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)