
Zona verde
Parque da Finca do Espiño
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Osmanthus heterophyllus (G. Don)
Nome común en galego
Falso acivro
Nome común en castelán
Acebo chino
Características
Está situada xunto ao palacete do Espiño, medrando xunto á araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia).
Orixe e distribución
Nativa do leste de Asia, crece de forma natural na zona central e meridional do arquipélago xaponés e en Taiwán. Forma parte do sotobosque das formacións perennifolias dende as terras baixas até os 600 metros sobre o nivel do mar.
En Europa é escasamente coñecida. Foi introducida en América, onde na costa atlántica de Estados Unidos está sendo controlada pola súa capacidade de converterse nunha especie invasora para a flora autóctona.
Descrición
Arbusto ou pequena arboriña de folla perenne, que pode alcanzar os 8 metros de altura. A cortiza é de cor marrón grisáceo, que coa idade racha formando pequenas placas.
As follas son opostas, coriáceas, de color verde lustroso que palidece no envés. Ten a marxe enteira, aparecendo en algunhas follas espiñas similares ás do acivro (Ilex aquifolium) que, ao igual que neste caso, serven para deter aos animais herbívoros de pacer na planta como forraxe. É por iso que as espiñas predominan nas follas dos exemplares novos e na parte inferior do arbusto.
As flores son moi fragrantes, outonais, cunha corola formada por catro pétalos brancos, tanto nas flores masculinas como nas femininas. Aparecen formando acios pegados ás pólas, baixo as follas. É unha especie dioica, polo que os sexos están separados en diferentes exemplares. Nos pés femininos as flores dan lugar aos froitos, unha drupa oval de cor púrpura que madura ao seguinte verán, nove meses despois da floración.
Etimoloxía
O nome científico do xérero (Osmanthus) provén do grego: osme significa fragrante e anthos quere decir flor, polo tanto fala do agradable aroma que desprenden as flores.
Heterophyllus está formado por hetero (diferente), e phyllus (folla), polo que constata o feito de que o arbusto ten follas diferentes, con variacións de forma dentro do mesmo arbusto, no que aparecen co borde enteiro ou espiñado.
O nome común de falso acivro refírese á similitude das follas coas do acivro, nun exemplo da evolución converxente debido ao obxectivo común das dúas especies para evitar aos herbívoros. Sen embargo, ambas poden distinguirse pola distribución das follas, alternas no Ilex aquifolium e opostas por parellas no Osmanthus heterophyllus.
Usos
É empregada como ornamental nos xardíns para o que foron seleccionados diferentes cultivares, potenciando elementos como a coloración das follas ou as espiñas do marxe. Tamén aparece como peche vexetal, formando sebes de pechamento nos cercados.
O nome xaponés desta planta é hiiragi, e aparece mencionada unha lanza feita con madeira de falso acivro no Kojiki, a crónica xaponesa máis antiga das que se conservan, datada no ano 712, na que se recolle unha colección de mitos concernentes ás orixes do Xapón. Críase que servía de aloxamento aos espíritos gardiáns e repelía aos malignos, polo que a súa madeira foi usada en instrumentos máxicos.