
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2020
Autor
Álvaro de la Vega
Historia
García Lorca manexaba a idea dunha homenaxe a Rosalía que non se chegou a concretar por mor do seu asasinato. Por este motivo, foi seleccionado este emprazamento e orientación: está preto da escritora e mirándoa como con certa complicidade. Na zona axardinada plantouse unha camelia branca en lembranza desa homenaxe e dos versos do propio poeta: Chove en Santiago/ meu doce amor/ camelia branca do ar/ brila entebrecida ao sol...
Hoxe, por iniciativa da editorial compostelá Alvarellos, cada 25 de outubro celébrase o Día de García Lorca en Galicia con actividades nos centros de ensino, bibliotecas, etc.
Descrición
Federico García Lorca visitou varias veces a cidade de Santiago, primeiro nunha viaxe de estudos (1916) e logo como persoeiro xa máis coñecido (1932) e integrante do grupo teatral La Barraca, orientado a viaxar polos pobos de España e levar ás xentes o teatro e a cultura. Gustou moito da capital e mesmo chegou a compoñer un pequeno poemario en galego, os seus Seis poemas galegos, que se publicaron en 1935. Na memoria da súa vinculación con Compostela dedicóuselle esta estatua.
É unha peza de Álvaro de la Vega, que o representa como naqueles días de La Barraca, cando vestía acotío a funda azul da compañía. O seu aceno é tamén unha lembranza daquel tempo, pois é o mesmo que ten nunha fotografía que se lle fixo en 1932, baixando a escaleira da praza da Quintana.