
Zona verde
Parque Carlomagno
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
1993
Historia
As fontes, ademais do seu uso utilitario, cumpren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que o segundo era máis propio de mosteiros, santuarios e pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante, como son a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas de Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso do gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas, en definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes; as figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia ou formas de estilos cultos.
Descrición
Esta fonte consiste nunha fervenza artificial que atravesa o eixo do parque na súa zona de maior pendente, en dirección aos bloques de vivendas das Fontiñas. A súa realización foi parella á da construción do espazo verde así como á da urbanización deste barrio, a comezos da década dos anos 90 do século pasado.
O espazo verde está situado no extremo leste da cidade de Santiago de Compostela, contido na ampla valgada aberta cara o sur entre o Monte da Almáciga e o Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira, un monte que se eleva a 326 metros sobre o nivel do mar, cunha inclinación considerable dende a valgada na que está situada a zona residencial das Fontiñas. Este feito acabará caracterizando a morfoloxía topográfica do parque, que concentra as pendentes máis pronunciadas de todo o barrio.
O forte condicionante topográfico determinará a posición dos diferentes elementos que conforman este espazo verde, así como a vexetación, os paseos, as fontes e os miradoiros, posto que poderase aproveitar o desnivel para a creación de liñas de perspectiva grazas á situación privilexiada sobre a cidade e a súa contorna.
O planeamento e a ordenación do espazo verde emprega as características da orografía do xeito máis acorde para que o trazado dos seus paseos discorran polas zonas hipsométricas máis favorables, ascendendo cara o cumio na procura das vistas ou ben descendendo cara o encontro do río Sar, nas Brañas de Sar. A fervenza artificial aproveita esta posición en ladeira para non ocluír as liñas de horizonte e para facilitar as visións panorámicas da paisaxe e da cidade circundante.
A fervenza conta cunha escalinata ao longo de todo o seu percorrido pola aba do Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira para ir acompañando a auga, así como para ir gozando das vistas e do cambio de perspectivas que se logra ao ir ascendendo ou descendendo polo seu percorrido.