
Zona verde
Parque das Cancelas
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
2012
Historia
As fontes, ademais do seu uso utilitario, cumpren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que o segundo era máis propio de mosteiros, santuarios e pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante, como son a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas de Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso do gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas, en definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes; as figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia ou formas de estilos cultos.
Descrición
O desnivel do Alto das Cancelas é aproveitado para situar nel esta fervenza artificial, na que tres muros de pedra sitúanse a diferentes niveis da ladeira, a través dos que descorre o fluxo da auga para formar un pequeno embalse na parte inferior.
As paredes que forman os tres chanzos desta fervenza están realizados por medio de grandes pedras pouco traballadas, a modo dos muros ciclópeos das cidades da antigüidade. O efecto da auga sobre a pedra produce a súa erosión e a proliferación no crecemento de musgo e liques, que fan que as pedras escurezan e verdeen, polo que os valores cromáticos engádense a os outros factores estéticos cos que conta esta fervenza.