mainimg
Código: VA015
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Ficus carica L.

Nome común en galego

Figueira

Nome común en castelán

Higuera

Información

Características

Está situado detrás da pérgola de glicinias, no camiño que vai dende o paseo de plátanos de sombra cara o parque infantil. Durante os meses cálidos, cando as árbores caducifolias da zona están en todo o seu verdor, pode pasar desapercibida, a pesar do seu gran tamaño, debido á espesura da vexetación nesa zona do parque. Outras especies salientables desta zona debido ao seu gran tamaño son o alfaneiro e o carballo.

Orixe e distribución

A figueira é, xunto á vide e a oliveira, a froiteira máis típica da conca mediterránea. É natural da rexión Mediterránea e Asia suroccidental, aínda que en moitos lugares está cultivada dende a antigüidade, tanto que xa aparece citado repetidamente na Biblia como elemento de paz, abundancia e prosperidade, relacionado coa agricultura sedentaria xurdida a partir do Neolítico.

Medra en climas secos e calorosos, mais con algo de humidade no chan. Medra ven preto de fontes, pozos e cursos de auga, dende o nivel do mar até os 900 metros, polo que poderemos atopala cultivada nas zonas temperadas e subtropicais de todo o mundo.

Descrición

Arbusto ou arboriña caducifolia que pode alcanzar os 8 metros de altura. Ten a cortiza de cor grisácea e a copa é redondeada, de gran tamaño, polo que crea densas zonas de sombra. As pólas son moi longas e quebradizas, que ao romper segregan un líquido leitoso algo irritante.

As follas son grandes, palmeadas con tres ou cinco lóbulos separados por entrantes estreitos. Florece en primavera e outono, mais estas flores non son visibles xa que medran no interior do receptáculo carnoso, que será polinizado pola femia dun himenóptero (Blastofaga grossorum) dando lugar aos figos e béveras, moi apreciados por ser ricos en azucres e vitaminas.

Hai dúas colleitas, as béveras ao comezo do verán e os figos ao rematar a estación; mais estes non son os verdadeiros froitos (en realidade son infrutescencias de tipo sicono), senón que son as pebidas ou aquenios, dispostos no interior do receptáculo, polo que é como unha mora mais ao revés.

Etimoloxía

Ficus é o nome latino da figueira, que procede do grego sycon. Carica alude a Caria, rexión de Asia Menor onde as figueiras foron cultivadas con profusión.

Usos

Os figos foron un alimento habitual na dieta de culturas moi antigas, pois aparecen xa mostras do seu consumo no Imperio Antigo de Exipto, e no libro do Éxodo están entre os froitos que os exploradores de Canaán presentaron ante Moisés.

Segundo a mitoloxía grega, Demeter fixo medrar a primeira figueira na Ática para agradecer a hospitalidade de Fítalo. Esta árbore estaba consagrada a Dionisos e, cando se fundaba unha cidade, plantaban unha figueira entre o ágora e o foro para sinalar o lugar onde se reunirían os anciáns. Foi o manxar predilecto de Platón, polo que se coñece como a froita dos filósofos. Tamén é símbolo da feminidade.

Cando a seca reducía a colleita de cereais no Mediterráneo, o figo podía substituír ese alimento, polo que ademais de frescos, os figos desécanse e comercialízanse prensados. Tamén se consumen confeitados, en marmelada e en bebidas alcohólicas como o viño e a augardente.

Teñen efecto laxante (xa Galeno recomendaba aos atletas olímpicos o seu consumo) e serven para tratar a tose e as enfermidades do peito. O látex branco que segrega a planta utilizouse para callar o leite para a fabricación de queixos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)