Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1898
Historia
Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival e crecidas estacionais).
De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Até hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, do mesmo xeito que facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.
Boa parte das fontes urbanas existen dende hai séculos, xa que é un elemento marcado polo determinismo xeolóxico. Se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedoiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.
No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.
As fontes, ademais do seu uso utilitario, compren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que a segunda era máis propia de mosteiros, santuarios e os xardíns dos pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante como a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas en Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso de gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas. En definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes. As figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia.
Descrición
Fonte actualmente desaparecida, que se localizaba no bordo da rúa de Boqueixón, construída en granito, ferro e lousa.
Sabemos da existencia desta fonte cando menos dende 1898, ano en que os veciños do lugar da Pontepedriña de Abaixo comunican por escrito ao Concello o lamentable estado en que se atopa e a necesidade dun crédito urxente para o seu arranxo.
Non se teñen máis novas da fonte até 1911, cando se amosan no Concello os resultados de varias análises de auga. No informe dise que, malia ser potable, a auga non adoita ter as mellores condicións, podéndose comparar en calidade coa da Porta do Camiño.
Ao ano seguinte, o sobrestante municipal fará chegar ao Alcalde as queixas dos veciños contra un particular que “los formales de la configuración de la toma de abastecimiento de agua, cuyo manantial emerge en un terreno adquirido por dicho señor Cepeda; por el que sigue un sendero de tránsito público, y transversalmente al mismo, se hallaba la referida toma de agua formada por una rozadura imitando pequeña canaleta en una losa de pizarra”.
Anos despois xorde de novo o conflito, cando o mesmo veciño denuncia que algunhas mulleres utilizan a fonte como lavadoiro público co conseguinte prexuízo para a saúde dos veciños. Un mes máis tarde, a Comisión de Política e Hixiene impedía o lavado da roupa, solicitando permiso para arranxar a fonte, consentir a canalización necesaria para o desaugadoiro e a colocar un valado arredor separándoa da propiedade veciña. O alcalde do barrio verase na obriga de informar pouco despois ao Concello do mal comportamento do mencionado veciño, o señor Cepeda, que botou pedras no camiño impedindo o paso do público.
En 1934 xorden as últimas reclamacións da veciñanza, aludindo a que, coas novas obras de saneamento, a condución de augas sucias cara á depuradora construída nas inmediacións afecta á calidade da auga desta fonte. Sospéitase dunha posible rotura interna da tubaxe.
Segundo a descrición dos veciños, no pasado esta fonte atopábase máis baixa que o nivel do chan e había que baixar un par de chanzos para coller auga. Recibiu o seu nome por atoparse pegada á propiedade particular dunha muller de nome Caetana.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002