
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
Século XIX
Historia
A súa presencia na documentación escrita remóntase até 1872, ano en que os veciños do Cruceiro de Sar, Angrois e Briaños descríbena como un manancial do que a cotío se abastecían.
As fontes, xunto cos muíños e lavadoiros, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.
A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de fontes ou pozos. Estas fontes poden ser dende unha simple canalización de auga dende a boca do manancial, até a realización de fermosas obras de cantaría.
Ademais dunha canle de condución, unha fonte soe contar cun depósito no que estancar a auga para poder recollela máis facilmente e que serva de bebedeiro para os animais. Este depósito pode aparecer escavado no noiro no que se atopa a boca da canle ou constrúense depósitos cadrados de pedra por tres das súas caras, das que a posterior é o propio noiro no que se atopa o manancial.
No depósito da auga das fontes críanse naturalmente diversos tipos de animais e insectos, entre os que destaca a píntega (Salamandra salamandra). Segundo afirmaba Vicente Risco, para manter as fontes limpas destas formas de vida, adoitábase botar nelas unha troita que se encargase de espantalos.
Descrición
A Fonte da Calzada de Sar, tamén chamada Fonte Fidalgo, é un cano simple do que abrolla a auga cara unha pía de dimensións 45x245x90 centímetros, formada por grandes lousas graníticas dispostas de forma rectangular para crear un só vaso corrido no que está situado un pequeno desaugadoiro que bota a auga sobrante cara á vía. A denominación Fidalgo ven do nome dos propietarios dun predio próximo.
A fonte está inserida entre os contrafortes abacelados dun muro que serve como contención do noiro. Este muro de contención lateral está realizado en pedra de cachotería ao modo da cantería tradicional, xa que nel se aprecia o carácter construtivo e o aspecto formal dos muros tradicionais da zona. As pedras, talladas en forma alongada, están colocadas ao estilo taco e contan coa disposición de anacos máis pequenos para cubrir os ocos e completar o muro.
En moitos tramos da Calzada de Sar aparece a rocha viva, que no seu momento escavaríase unha congostra para poder trazar o camiño medieval, mentres que noutras zonas coma esta na que se produce o desmonte é preciso resolver a estabilidade dos noiros de pedra coa creación de muros de contención, nunha solución sinxela e económica ao dotalos de contrafortes coma neste caso.
Os contrafortes situados no muro, entre os que se coloca a fonte, son un engrosamento puntual da pantalla de pedra, que permite resistir o peso sen precisar de facer todo o muro dese grosor. A pantalla resiste os empuxes do noiro traballando como unha lousa continua apoiada nos contrafortes, que serven como unións entre a pantalla vertical do muro e a base.
Bibliografía
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002
Arquivo Histórico Universitario. Sección: Fondos municipais. Fontanería. Antecedentes sobre fuentes públicas. 1838-1901, fols. 461-462
María del Pilar Cores Trasmonte. El urbanismo en Santiago de Compostela en el siglo XIX. Universidad de Santiago de Compostela. 1962. Páx. 95
Abel Fernández Otero. As fontes de Santiago de Compostela. Tórculo Artes Gráficas S.A. Santiago. 1993. Páx. 95