mainimg
Código: BS023
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Fluvial das Brañas de Sar

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte

Historia

A primeira data en que se menciona o nome e a localización desta fonte é o 21 de agosto de 1901, cando no Concello acorda rozar e reparar os seus canos de desaugadoiro.

En 1915, os veciños solicitan ao Alcalde que considere a urxente necesidade de arranxar a fonte pública e limpar a gabia. De novo en 1928 serán os veciños dos barrios achegados os que se queixarán de que había tempo que aparecía anegada pola obstrución do cano de desaugadoiro e polas augas que baixaban pola rúa de Andújar cara ao campo da Igrexa. En setembro dese mesmo ano, as autoridades aproban o seu arranxo, asignando un orzamento de 100 pesetas para abrir unha gabia, levantar as lousas e facer unha limpeza xeral, colocando na entrada do cano un enreixado de ferro para evitar o paso do lixo.

As fontes, xunto cos muíños e lavadoiros, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.

A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de fontes ou pozos. Estas fontes poden ser dende unha simple canalización de auga dende a boca do manancial, até a realización de fermosas obras de cantaría.

Ademais dunha canle de condución, unha fonte soe contar cun depósito no que estancar a auga para poder recollela máis facilmente e que serva de bebedeiro para os animais. Este depósito pode aparecer escavado no noiro no que se atopa a boca da canle ou constrúense depósitos cadrados de pedra por tres das súas caras, das que a posterior é o propio noiro no que se atopa o manancial.

No depósito da auga das fontes críanse naturalmente diversos tipos de animais e insectos, entre os que destaca a píntega (Salamandra salamandra). Segundo afirmaba Vicente Risco, para manter as fontes limpas destas formas de vida, adoitábase botar nelas unha troita que se encargase de espantalos.

Descrición

Á entrada do recinto murado que rodea á Colexiata de Santa María a Real de Sar, a carón da Capela de San Brais, atópase unha fonte de granito de estilo rústico, situada baixo o nivel da rúa debido ás modificacións da cota da beirarrúa. Isto mesmo sucedeu noutras fontes da cidade, como a da Praza do Matadoiro ou a da Praza de San Clemente. As dimensións da pía son 160x70x25 centímetros e posúe unha varanda metálica debido á altura existente entre a fonte e a rúa.

O cambio de cota do chan provocou que o seu acceso actual sexa realizado baixando por unhas escaleiras realizadas en pedra. A auga sae por un cano metálico cara a pía ou depósito da auga, onde se atopa unha pedra para apoiar un pé e que serve para facer máis doada a recollida da auga por parte das persoas. Actualmente sae auga só por un cano, mais pode apreciarse outro máis e restos doutros dous.

Estes canos están inseridos no muro da fonte, realizado en base a unha moldura convexa entre arquitrabes que serven como lintel á estrutura ao mesmo tempo que crean un contraste entre as súas liñas rectas e a curva da moldura. Este muro está realizado en grandes perpiaños que lle dan ao conxunto un aspecto monumental e ciclópeo a pesar da súa sinxeleza.

Na Capela de San Brais celébrase o 3 de febreiro de cada ano unha romaría na honra deste santo avogoso para os males da gorxa. A asociación de fonte e capela é unha constante neste tipo de santuarios, dos que este é unha boa mostra pola sinxeleza e funcionalidade coa que está executado.

Bibliografía

José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002

Estudio de las Fuentes municipales. Tomo I. Nº 42. Cía. Consultora y C. del Atlántico, S. A., 1994

Arquivo Histórico Universitario. Sección: Fondos municipais. Libro de Consistorios. 1901

Libro de Consistorios. 1911

Augas. Mazo 4. Exp. 43 e 83

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)