mainimg
Código: VA036
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte

Historia

Fronte a moitas outras fontes da cidade, destinadas ao abastecemento de auga dos cidadáns, esta responde máis a unha función decorativa do espazo público. A orixe das fontes de uso ornamental procede da Idade Media, cando a cultura islámica as introduciu dentro de edificios privados e zonas públicas, combinando tanto a utilidade coma a beleza da auga en movemento. Estas fontes situadas en pazos, patios, xardíns, prazas ou mesquitas, servían como subministración da auga, para refrescar o ambiente, aclimatar os espazos ou para o gozo sensorial.

Os xardíns urbanos ofrecen espazos de ocio e supoñen un achegamento entre os cidadáns urbanos e a natureza que se desvincularon do seu ámbito urbano. As fontes, que hoxe consideramos inherentes a estes espazos, chegaron coa subministración estable de auga, logrando un protagonismo destacado polos seus valores ornamentais e paisaxísticos, tanto que hoxe non concibimos os nosos parques e prazas sen elas.

A auga que mana desta fonte provén, como no caso doutras moitas fontes da cidade que non posúen manancial directo, da traída municipal de auga, polo que é potable. O espazo que rodea a esta fonte é moi tranquilo, case escondido entre a vexetación que, combinada co encanto da auga, fan deste un fermoso lugar de descanso e recreo dos sentidos.

Descrición

Fonte ornamental realizada en cantería de granito en forma de piar cuadrangular neoclásico de sobria decoración. Consiste nunha base sobre a que se alza unha sinxela peza en forma de prisma rectangular no que se sitúa o cano do que mana a auga, chantado na boca dunha representación antropomórfica. A auga cae nunha pía en forma de venera. Varias molduras convexas conectan esta peza cun piar ornamentado con tres acanaladuras lonxitudinais que potencian a súa verticalidade e remata nunha orla transversal decorada con pequenas esferas e decoración vexetal estilizada.

Unha reinterpretación do capitel xónico, protagonizado por volutas nas que se potencian as espirais, conduce a mirada cara o remate superior en forma de sinxelo floreiro pétreo, elevado sobre unha peaña con marcado beiril que lle da un perfil troncocónico invertido.

O conxunto ten unha sobria e sinxela decoración clásica, baseada en liñas puras e xeometrizantes dos distintos elementos ornamentais, o que dota de harmonía á fonte nun fermoso contrapunto coas formas retortas dos carballos da contorna.

A súa monumentalidade radica tanto na súa verticalidade coma na súa localización, ao fondo da carballeira e próximo ao muro de peche do terreo, entre unha vizosa vexetación formada tanto polos carballos como polas especies que medran sobre eles e as plantas de temporada que medran no solo, entre as que destacan o bulbo invernal do narciso.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)