mainimg
Código: BR024
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

2003

Historia

As augas caen na fonte formando unha pequena fervenza, mollando as pedras que a conforman, o que fomenta o arraigo da vexetación na contorna. Nesta zona da fonte da escaleira destacan diversas especies vexetais:

- Acanthus mollis: planta herbácea perenne coñecida co nome vulgar de acanto. É unha especie vexetal procedente das estepas africanas e asiáticas sendo frecuente atopalas na Península Ibérica. Utilízase en xardinería polas súas grandes follas lobuladas, basais e brillantes e polo seu longo talo, onde crece un conxunto de pequenas follas apiñadas de cor púrpura.

- Agapanthus africanus: planta perenne, non bulbosa, con raíces tuberosas, coñecida co nome común de agapanto, flor do amor ou lirio africano. É unha especie orixinaria de Sudáfrica que crece ben en chan fértil, húmido e ben drenado. Florece a finais de primavera ou verán, con follas lineares de cor verde intensa. O seu talo é curto e as súas espectaculares flores brancas ou azuis están reunidas como umbelas. Unha curiosidade é que adoita tardar dúas ou tres anos en florecer, mais logo faino todos os anos.

- Typha latifolia: a palla real é unha planta perenne con rizoma reptante de até dous metros de altura. Con follas lineares reviradas e cunha destacada inflorescencia en espiga con dúas partes, sendo a parte superior unha espiga masculina e a inferior unha espiga feminina. Moi común en hábitats acuáticos, dáse en Galicia en todo tipo de lugares preto dos ríos, pantanos, bordes de charcas... Coas pallas reais faise de todo, dende asentos e esteiras até canastras. Tamén se usan como guías para os foguetes, o que se chama as canas dos fogueteiros. As inflorescencias situadas na pinta da espiga, empréganse como adorno.

Descrición

Fonte de nova creación, construída durante a rehabilitación do parque realizada durante os primeiros anos do século XXI. Forma unha fervenza artificial na ladeira do parque, aproveitando a abundancia de auga existente na finca. Ao estar situada nunha zona de cotas baixas, as augas de escorrenta finalizan aquí, converténdose no lugar idóneo para a construción dunha fonte no manancial do noiro, para que sexa aproveitada na rega do parque e no embelecemento do mesmo.

A pía onde se acumula a auga abrollada do manancial está acubillada na curva da escaleira que comunica os paseos inferior e superior do lateral do xardín xeométrico da Villa Rial. Esta disposición integrada coa escaleira fan que a pía teña unha forma que tende cara a triangular, cun antepeito de pedra na fronte que sirve tamén de banco onde sentarse a gozar do espazo natural e da auga.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)