
Parroquia
Laraño
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
Século XVIII
Historia
As fontes urbanas tradicionalmente localizábanse nas prazas ou lugares céntricos dos pobos para o abastecemento de auga dos habitantes, polo que adoitaban ser lugares de encontro das súas xentes, propiciando as relacións sociais da comunidade.
Xunto a esta función de subministro de auga á poboación, as fontes teñen tamén un marcado compoñente ornamental. A orixe das fontes de uso decorativo procede da Idade Media, cando a cultura islámica as introduciu dentro de edificios privados e zonas públicas, combinando tanto a utilidade coma a beleza da auga en movemento. Estas fontes situadas en pazos, patios, xardíns, prazas ou mesquitas, servían como subministración de auga para refrescar o ambiente, para aclimatar os espazos e para o gozo sensorial.
Descrición
Fonte de estilo barroco realizada en pedra, formada por unha grande pía en forma de cruz grega cos brazos redondeados, o que crea un interesante xogo de liñas curvas nun retroceso de espazos cóncavos e convexos moi propios deste estilo.
A pía énchese coa auga que mana do corpo vertical situado na parte central da cruz grega. Este corpo está formado por un fuste en forma de vaso rematado nunha alcachofa. A auga abrolla pola parte cenital da fonte e cae na cornixa do vaso, onde se acumula nunha pequena pía para despois continuar o seu camiño descendente tras pasar polos canos situados nos rostros en baixorrelevo de catro anciáns a xeito de gárgolas. Estes catro canos antropomorfos están situados sobre cada un dos brazos da cruz grega da gran base.
A súa ampla pía inferior permitía dar de beber directamente ás cabalgaduras e ao gando, así como deixaba encher cubos con auga para a rega ou para actuar rapidamente en caso de incendio.
Existen fontes semellantes a esta na súa estrutura ou tipoloxía na cidade, como son a fonte do Convento de San Francisco ou a de San Clemente no Parque da Alameda.