mainimg
Código: FL0025
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

1584

Autor

Gaspar de Arce

Historia

A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.

O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.

Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.

En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.

O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.

Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.

O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.

As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.

O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.

A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.

A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.

As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.

Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.

Descrición

A Porta de Mazarelos era a abertura da muralla da cidade que servía de comunicación do burgo co Camiño cara Ourense e a Corte de Castela. Por aquí era onde entraban os produtos hortícolas da contorna e os cereais casteláns, polo que aquí se situará o mercado de abastos da cidadanía compostelá.

A praza aberta nas proximidades desta porta pasou a chamarse a Praza de Mazarelos ou do Mercado Vello, e a documentación indica que contaba cunha fonte a comezos do século XVI para as actividades do mercado.

Nas inmediacións desta praza estableceuse en 1584 o Colexio e a Igrexa da Compañía de Xesús, edificación na que hoxe está situada a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

A comunidade xesuíta asentada neste punto demandaba contar con auga corrente para o seu convento, xa que os puntos de abastecemento de auga máis próximos atopábanse a unha distancia considerable, posto que a rede medieval estaba centrada no subministro do lado oeste da cidade. A poderosa orde de San Ignacio influirá na rede urbana de abastecemento de augas modificando a súa extensión cara esta zona.

O 6 de abril de 1585 o Procurador Xeral da cidade Pedro de Bosende redactou un informe no que expón a necesidade de situar unha fonte na Praza de Mazarelos xa que a zona está sen auga algunha, a diferenza da zona próxima a San Martiño Pinario, onde “hai sete ou oito fontes que están xuntas unha de outra”. A raíz dese informe, o Concello e a Compañía de Xesús acordan colocar alí un punto de abastecemento situado nun punto central e accesible da Praza de Mazarelos, xunto con outra fonte para o abastecemento do edificio da Compañía de Xesús.

Os xesuítas a cambio costearán as as obras de acometida dende a arqueta de San Miguel e tomar a auga sobrante da Fonte de Mazarelos. Estas dúas fontes compartían co sistema medieval da traída de Xelmírez a auga do manancial de Chan dos Curros mediante unha prolongación da rede de augas acabaría incluíndo xa en anos posteriores ao Convento de Mercedarias, a Fonte de Santo Antonio e a Fonte do Toural.

Os traballos de construción das fontes son dirixidos por Gaspar de Arce, mestre de obras da Catedral, e Nicolás de Torres, irmán da Compañía de Xesús. O oficial de cantería Mateo López encargarase de realizar os canos de barro necesarios para a condución da auga.

Cando os xesuítas son expulsados de España tras o decreto de Carlos III, o convento utilizarase como sede da Universidade de Santiago, conservando a fonte e os dereitos sobre o uso da auga. A Fonte da Facultade de Xeografía e Historia continúa no seu emprazamento orixinal, no claustro do edificio, a diferenza da Fonte de Mazarelos que foi trasladada á Praza de San Roque.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012

TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)