
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1834
Historia
A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.
O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.
Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.
En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.
O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.
Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.
O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.
As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.
O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.
A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.
A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.
As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.
Descrición
Esta fonte atópase na da entrada a Santiago polo Camiño Francés, na intersección das Casas Reais, o Matadoiro e a rúa de San Pedro. Neste lugar os peregrinos saciaban a súa sede e se lavaban despois do longo camiño. Tamén serviría para darlle de beber aos cabalos ao final do Camiño.
Moitas das fontes de Santiago non foron creadas como as coñecemos, senón que son froito da súa transformación, mellora e rehabilitación, posto que xa existían anteriormente como puntos de abastecemento de auga en época tardomedieval. As primeiras mencións a esta fonte aparecen na documentación municipal do século XVI, o que nos indica que a fonte é de existencia moi antiga.
Xa en 1541, Gregorio de Seoane, oficial de cantería, describiu o estado desta fonte para a Real Provisión de Carlos V como lamentable, posto que botaba moi pouca auga, ao igual que outras fontes da cidade como San Miguel, Fonte Sequelo, Pitelos ou Franco.
Planos datados a mediados do século XVIII represéntana coma unha estrutura cuadrangular acaroada á muralla da cidade. A auga sae de canos inseridos na parede desta estrutura nunha cota situada por debaixo do nivel do chan, polo que contaba cuns chanzos descendentes para acceder a ela.
Foi reedificada polo Concello en 1834, como se di no Libro de Fontanería do Arquivo Municipal, xa que Gregorio de Fraga, propietario dunha casa na Porta do Camiño, sostén nun escrito remitido ao concello, que baixo da súa vivenda nace un manancial e permite a recollida das súas augas para surtir esta fonte.
A súa reconstrución corresponde a un momento de gran actividade renovadora sobre as fontes públicas da cidade: a de Praterías foi reformada en 1826, a do Franco en 1830, a do Matadoiro en 1834 e as fontes de Santo Antonio e de Cervantes en 1840.
Está construída en granito e ferro. Conta cunha tipoloxía de templete que lembra ás fontes romanas parietais, dando un aire moi administrativo de utilidade pública. O modelo e tipoloxía desta fonte responden a un carácter práctico de abastecemento de augas á cidade, cun estilo claramente decimonónico e clasicista, practicamente carente de ornamentación.
Un elemento que dende o século XVI aparece con frecuencia nas fontes son as inscricións de carácter fundacional ou conmemorativo, que mencionan a data e, en ocasións, as circunstancias en que se produciu a construción, mellora ou reforma efectuada nela. Estas inscricións adoitan ir colocadas nalgún lugar ben visible, sobre os canos de auga na parte frontal da pilastra ou do frontón, ou sobre os muros do piar. No caso desta fonte, na súa cara frontal se sitúa a inscrición: “POR EL AYUNTAMIENTO / AÑO DE 1834”.
Dótase dunha arquitectura monumental en forma de estrutura cúbica sobriamente decorada con entrepanos nas catro frontes. Sobre ela, unha cornixa dá paso a un remate graduado no que se sitúa o escudo da cidade co cáliz e a hostia, e un elaborado pináculo de alcachofa como colofón.
A fonte da Porta do Camiño está máis baixa que a cota do pavimento da rúa polo que se accede a ela mediante uns chanzos que dan acceso aos dous canos do manancial. Para evitar caídas, colócanse ao seu redor unhas varandas metálicas. A auga sobrante cae a dous sumidoiros para evitar o asolagamento do chan.
En 2013 a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a restauración de sete fontes históricas da cidade. Tratábanse das fontes da Praza de Fonseca Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara.
O arquitecto do Consorcio responsable do proxecto, Xosé Allegue Fernández, sinalaba que ademais da restauración, buscábase a recuperación da súa funcionalidade, conservación e posta en valor destas construcións hidráulicas.
A fonte presentaba problemas no desaugadoiro e a pía estaba parcialmente obstruída. O corpo da fonte tiña varias zonas deterioradas. Tamén se apreciaban diferentes graos de sucidade e na parte superior medraban os musgos e os liques. Restauráronse tanto as barras de ferro que facían de asento aos contedores de auga, como os dous canos de bronce. Ademais, na beirarrúa que rodeaba á fonte había varias lousas afundidas.
As diferentes intervencións complétanse co deseño dunha estratexia de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes. Nesta liña, restableceuse o abastecemento da rede histórica onde foi posible, nas fontes con manancial propio revisouse a captación e comprobáronse as fugas, mentres que nas fontes ornamentais deseñouse un sistema de filtrado e recirculación para evitar un consumo innecesario de auga.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
VV.AA. As fontes do Camiño de Santiago. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998