mainimg
Código: FL0005
-
Auga
Localización

Zona verde

Praza de Fonseca

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

Século XVIII

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.

A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.

Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.

Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.

Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.

Descrición

Esta fonte de estilo barroco está situada na actualidade no centro do xardín construído en 1886 na Praza de Fonseca, dentro do Casco Histórico da cidade de Santiago de Compostela. Este espazo axardinado sitúase ante a entrada principal do Colexio de Fonseca, sede da universidade compostelá dende o século XVI.

Esta fonte foi creada para ornamentar unha finca de recreo do Conde de Priegue. Cara 1759, o conde cedeu a fonte xunto co xardín de recreo ás monxas carmelitas para construír o seu primeiro espazo en Santiago, o Convento do Carme de Arriba, situado fronte o Convento de Santa Clara.

A fonte foi mercada ás monxas en 1943 por un contratista de obras, que a substituíu por un lavadoiro. Foi trasladada e almacenada nunha finca na rúa Rosalía de Castro propiedade deste contratista até 1964, en tempos do alcalde López Carballo, cando foi colocada na súa actual posición, nun espazo anteriormente ocupado por un cruceiro.

Esta fonte urbana consérvase sen alteracións dende que foi colocada na súa situación actual. Non é de grandes dimensións, mais presenta unha fina articulación nas súas proporcións: un sinxelo pío cilíndrico na parte inferior, sobre o que se levanta unha árbore cilíndrica de fuste liso. O remate superior está formado por un engrosamento ovalado rematado por un pináculo poligonal coroado por unha bola.

A zona ovalada da árbore faría de pía secundaria que, en lugar de ser aberta como é o habitual noutras fontes da cidade, está pechada por unha cúpula pétrea. Neste corpo oval da fonte están situados catro canos que saen dunhas tallas nas que se representan a querubíns coas fazulas gordiñas, coroados con veneras abombadas sobre as súas cabezas.

En 2013 a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a restauración de sete fontes históricas da cidade: Praza de Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara.

O arquitecto do Consorcio responsable do proxecto, Xosé Allegue Fernández, sinalaba que ademais da restauración, procurábase a recuperación da súa funcionalidade, conservación e posta en valor destas construcións hidráulicas.

Antes da restauración desta fonte, os sumidoiros manchaban de óxido ou barro as esculturas situadas debaixo. Faltaban dous dos canos de metal e as esculturas dos anxos sufrían comezos de degradación da pedra. As pezas do pío estaban moi deterioradas e ademais, ao pé da fonte, dúas tapas metálicas que aloxaban as arquetas de abastecemento e desaugadoiro afeaban o conxunto.

As diferentes intervencións complétanse co deseño dunha estratexia de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes. Nesta liña, restableceuse o abastecemento da rede histórica onde foi posible, nas fontes con manancial propio revisouse a captación e comprobáronse as fugas, mentres que nas fontes ornamentais deseñouse un sistema de filtrado e recirculación para evitar un consumo innecesario de auga.

Na actualidade aliméntase da rede pública de abastecemento.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)