
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
Século XIV
Historia
A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.
O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.
Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.
En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.
O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.
Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.
O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.
As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.
O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.
A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.
A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.
As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.
Descrición
En 2009 o Concello de Santiago aprobou a reurbanización das rúas Raxoi, Trindade, San Clemente e Cruceiro do Gaio. A intervención na rúa de San Clemente suporía unha renovación xeral dos acabados de calzada, beirarrúas e instalacións que dará lugar ao descubrimento dunha antiga fonte, que estaba xa en uso no século XIV, polo que se pode cualificar como a fonte máis antiga da cidade.
Ao facer os traballos necesarios para o traslado do transformador eléctrico na rúa de San Clemente, no mes de abril de 2010 apareceron os restos dunha fonte, soterrada a dous metros de profundidade do nivel do solo. Este será un achado de importante valor histórico polo que emprendeuse unha escavación arqueolóxica en todo ese ámbito.
A análise dos achados e da documentación existente revelan que se trata dun antigo manancial sobre o que se edificou unha fonte abovedada, cuxa tipoloxía remóntase á época romana, mais que continuou a empregarse durante a Idade Media.
Entre os restos aparecidos na arca da fonte hai cerámica baixomedieval, o que indica que probablemente nos séculos XIV e XV esta fonte xa estaba en uso, mais outras características como a tosquedade das súas fases construtivas iniciais poderían indicar a súa posible orixe anterior.
Polos materiais atopados, semella que esta estrutura foi modificada ao longo do tempo e abandonada nalgún momento ao longo do século XVII. Foi selada deliberadamente con arxila e pedras, e ademais construíuse unha arqueta sobre a fonte que serviría como cisterna e canalizaría a auga que brotaba cara o oeste, probablemente destinada ás casas de baños que aparecen documentadas nesta contorna en época moderna.
Polo tanto, no século XVII a fonte perdeu o seu carácter público e a partir dese momento a auga do manancial destinarase probablemente a un uso privado. Estivo a formar parte do Colexio San Clemente, dentro do seu recinto, tras a fundación deste edificio en 1610.
No século XVIII construíuse outra nova fonte moi preto desta, na rúa da Trindade, e da que aínda hoxe se conserva parte da estrutura no muro que pecha dese terreo. A fonte foi finalmente tapada a principios do XIX.
A fonte atopada na Praza de San Clemente está constituída por unha arca de pedra de planta rectangular, que actúa de cisterna, sobre a que se asenta un arco de medio punto realizado en granito. Esta estrutura encerra o manancial, que brota directamente da rocha nese mesmo punto. A peza que pecha o frontal da arca ten un orificio central, que permite o paso da auga dende a cisterna ata o exterior e caia nunha pila rectangular de granito.
Esta pila recolle a auga do manancial principal e a través dun canal tamén a auga doutros mananciais máis pequenos que están ao carón. Preto da pila principal hai un espazo rectangular perfectamente enlousado, que está delimitado por unha grada de perpiaños de granito. Estas pedras teñen labradas unhas pequenas canles que tamén verten á pila principal.
Outros elementos que se aprecian no conxunto son dous muros que delimitan o espazo a modo de adro. Un máis basto chega até a propia fonte e apoiase parcialmente no arco de granito. O outro, de feitura máis coidada, forma unha esquina e aparece parcialmente cortado, polo que semella un muro de cimentación.
Nestes muros apareceron dous accesos laterais. Contra eles colócanse as bancadas de asento laterais, perfectamente conservados. Estes bancos corridos que lembran aos pousadoiros que adoitaban ter este tipo de fontes e que servían para pousar neles as sellas que as augadoras empregaban para a recollida da auga.