mainimg
Código: SN009
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Selva Negra

Parroquia

Vista Alegre

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

Século XVII-XVIII

Historia

Non sabemos a razón exacta polo que nesta zona constrúese unha fonte de tanta calidade, xa que a pesar de ser unha área de augas abundantes, non hai un asentamento o suficientemente grande que xustifique a importante tarefa de sanear o manancial e canalizar o caudal. Quizais a existencia dunha capela nas proximidades podería explicar esta circunstancia.

Diversas testemuñas literarias do século XIX e XX refírense a esta fonte eloxiando a beleza do lugar, a quietude da contorna e a calidade, frescura e abundancia das súas augas. Esta fermosa fonte monumental está moi ben combinada coa súa contorna natural, dotando ao conxunto dun suxestivo aire romántico.

Existe dende tempos protohistóricos o culto ás fontes e aos nacementos de auga na cultura galega. O costume de facer ofrendas de flores, froita, pan ou viño ás mouras que viven nos mananciais adaptouse coa cristianización das fontes, poñendo unha Nosa Señora ou un Santo no lugar que antes ocupaban os numens romanos. Esta mestura de tradicións pagáns e cristiáns dará lugar a unha traza confusa de crenzas relativas ás fontes, combinando ritos cristiáns e procedementos máxicos dos que nacen lendas de tesouros, xigantes gardiáns e mouras encantadas que habitan nos mananciais.

Unha lenda, recollida por H. Pérez Placer en Narraciones compostelanas, asociada co romanticismo, narra os amores imposibles entre un pastor chamado Abel e unha ninfa. O pastor viña polo serán a tocar a frauta a carón da fonte e un día, xurdiu das augas cristalinas unha muller que sentou con el e bicouno, ficando namorado. O pastor e a moura xamais volveron a verse, polo que Abel chegou a pensar que todo fora un soño ou que a propia natureza xogara con el, agradecéndolle a súa música.

Descrición

Fonte monumental localizada ao norte da campeira. Dende a fonte domínase esta e parte das ladeiras do Monte Pedroso, mentres que tras ela un sendeiro atravesa a carballeira.

A fonte está formada por un corpo de pedra coroado por unha estrutura a modo de cheminea na que parecen adiviñarse os restos dun escudo. Nela destaca a boa calidade do traballo de cantaría, xa que está realizada en grandes perpiaños nos que se sitúan dous canos dos que brota auga todo o ano e que desembocan nunha gran pía rectangular.

Na súa fronte presenta inscricións que hoxe son dificilmente lexibles, mais semella que son de diversos períodos históricos, xa que ten unha inscrición que podería ser medieval (caracteres góticos), outra que podería relacionarse coa construción da fonte (carácteres capitais monumentais) e outra máis con formas capitais de menor tamaño e abreviaturas habituais do período moderno que parecen conter nomes de persoa. Estas características poden servir para datar a fonte cara o século XVIII.

A zona da pía e a canle de desaugue ten o chan lousado e está rodeada por dous bancos corridos de pedra ben traballada, creando un fresco espazo de repouso. Aquí pódese atopar unha base do que puido ter sido un cruceiro, xa que é un singular traballo de cantaría labrada nunha única peza de pedra, mais todo parece indicar que esta non foi a súa localización orixinal.

A auga que chega á fonte procedente da mina construída na parte norte do parque, que extraía a auga do subsolo para ser utilizada para a rega. O líquido condúcese canalizado parcialmente até a fonte por medio dunha canle, xunto cun regato que ás veces vai seco mais que permite un alivio do caudal, debido á gran abundancia de auga subterránea presente en todo o Monte Pedroso.

Unha vez atravesada a fonte, a auga que reborda da pía é conducida até a campeira por medio dunha canle, que se complementa cuns desaugadoiros laterais ao carón da pía para dar saída á auga no tempo chuvioso. A auga, logo de atravesar a campeira, diríxese cara o muro principal de peche do parque, onde conforma unha zona húmida arborada. A continuación, unha canalización antiga condúcea cara o río Sarela.

As testemuñas antigas eloxian sen cesar ás augas desta paraxe, capaces como poucas de refrescar nos días de verán. O que hoxe vemos é un fermoso traballo de cantaría, cun coidado deseño dos fluxos da auga e unha singular bancada que invita a descansar ao seu carón. Á dereita da fonte, xa subindo o monte, pódense apreciar os alicerces dunha construción feita polos últimos donos da finca, o matrimonio do doutor José Daporta e da pianista Rosita López Comunión. Trátase dunha casiña na que ela podía tocar a pracer, inspirada por este recuncho tan singular da natureza.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)