Código: FL0315
-
Auga
Localización

Parroquia

Villestro

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

1948

Historia

Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival e crecidas estacionais).

De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Até hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, do mesmo xeito que facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.

Boa parte das fontes urbanas existen dende hai séculos, xa que é un elemento marcado polo determinismo xeolóxico. Se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedoiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.

No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.

As fontes, ademais do seu uso utilitario, compren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que a segunda era máis propia de mosteiros, santuarios e os xardíns dos pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante como a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas en Ourense.

As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso de gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas. En definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.

A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.

Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.

Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.

Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.

Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes. As figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia.

Descrición

No lugar da Silvouta, construída en ferro e pedra.

A primeira nova conservada nos arquivos públicos sobre esta fonte data de xullo de 1948, cando os veciños do lugar presentaron denuncia ao Concello na que se dicía que moitos veciños ían limpar os cacharros de cociña e outros obxectos.

O 10 de decembro dese mesmo ano aprobarase un orzamento de reparación por un total de 4.055 pesetas. Na obra prevíase a instalación dunha canalización, unha gabia de cantería, un muro de contención de terras e un pequeno bebedoiro ao carón da fonte.

En abril de 1951, un veciño do lugar solicita autorización ao Concello para cachar a súa finca, sendo das augas existentes ou doutras que poderían captarse no futuro a metade del e a outra metade da fonte pública. O 21 de marzo do seguinte ano, a mesma persoa expón que pretende establecer as galerías nos predios da súa propiedade co obxecto de aumentar o caudal e auga da fonte, co consentimento do resto da veciñanza.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)