
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
1994
Autor
Álvaro Siza e Isabel Aguirre
Historia
Esta fonte está vinculada á gran abundancia de auga subterránea presente no parque, o que fai necesaria a súa xestión e canalización. A auga presente nos xardíns nace dun manancial situado na carballeira, na parte alta dos terreos ocupados polo parque de San Domingos de Bonaval, e vai sendo conducida a través dun percorrido descendente formado por diversas fontes para salvar o desnivel e chegar ao depósito de auga aloxado baixo o Xardín dos Frades e dende onde ten lugar a rega do parque.
Descrición
Está situada ante a rampla que serve de nexo de unión entre a área das hortas e a da carballeira, salvando o forte desnivel presente nesta parte do parque. O muro de contención do noiro no que se sitúa esta rampla serve de miradoiro e de compartimentación para os diferentes ámbitos do parque, mais tamén interrompe o fluír natural da auga da mina da carballeira cara a parte baixa da eira, polo que fai necesaria a colocación de dúas fontes no seu muro: a Fonte da Rampla e a Fonte da Torre.
Mentres que a Fonte da Rampla está situada no medio da costa, conectando o curso da auga entre a Fonte dos Arcos e a de San Domingos, esta sitúase na parte baixa, nunha discreta localización xunto á torre do convento.
A auga desta fonte provén da mina de auga que se sitúa na carballeira, tras pasar pola Fonte do Lavadoiro. Unha vez alí, o líquido baixa para as distintas fontes do parque por medio de dúas canalizacións, unha frontal cara a Fonte dos Arcos, e outra lateral que baixa pola pendente cara a parte de atrás do Salón Central do antigo cemiterio, e que alimenta esta Fonte da Torre.
A auga mana dun oco aberto no muro de xisto, caendo por efecto da simple gravidade nun pío rectangular de pedra granítica. O paso da auga pola parede motiva a vizosa vexetación presente nesta parte do muro, formada por pteridofitas (distintos tipos de fieitos) musgo e liques.