mainimg
Código: FL0009
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

1842

Autor

Manuel de Prado y Vallo e Ramón Búe

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.

A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.

Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.

Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.

Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.

Descrición

A rede medieval de abastecemento de augas establecida polo Arcebispo Xelmírez foi complementada contra 1845, cando aparecen noticias dunha segunda rede de auga pública. A súa orixe estaría situada tamén ao norte da cidade, preto do Camiño Real en Mallou de Abaixo, onde había outro manancial importante que fornecía a unha serie de fontes que non podían abastecerse da antiga rede de Chan dos Curros. Estas fontes estaban situadas na vertente oriental da cidade, que pon podía ser remontada facilmente polo sistema antigo centrado en San Miguel dos Agros.

A da Virxe da Cerca é unha das fontes nas que a auga non nace no mesmo lugar onde se atopa a fonte, senón que é conducida dende o manancial de Mallou de Abaixo nesta segunda rede de abastecemento. A fonte está situada na base das escaleiras que comunican a rúa da da Virxe da Cerca co Mercado de Abastos, apoiada na parede da rúa que sigue o trazado do que foi a antiga muralla da cidade.

Moitas das fontes de Santiago non foron creadas como as coñecemos, senón que son froito da súa transformación, mellora e rehabilitación, posto que xa existían anteriormente como puntos de abastecemento de auga en época tardomedieval. Nesta zona existía xa unha fonte coñecida como o Picho da Cerca, mais na documentación municipal non queda constancia do ano en que se instalou esta primeira fonte.

En 1842 o Concello, ante a desaparición do antigo pío do Picho da Cerca, decide construír unha nova fonte para o que convoca un concurso, no que as bases acordan darlle un estilo monumental. Vese na obriga de facer unha nova convocatoria ao quedar deserta a súa adxudicación. Finalmente contrátase a Ramón Búe para a súa execución, mentres que os planos aparecen firmados polo arquitecto municipal, Manuel Prado y Vallo.

Foi construída en granito e está dotada de canos metálicos. As augas recóllense nunha pila con forma de media lúa para adaptarse á rúa e ao muro ao que esta pegada. A pesar que o proxecto inicial pretendía rematar o cano cun grupo de golfiños, ao final a comisión encargada de vixiar as obras propón cambiar ese remate polo dunha serea ou unha esfinxe.

Finalmente faise unha figura por valor de setecentos reais e que aínda hoxe se conserva, moi erosionada, coa súa forma composta polo corpo dun león con cola de peixe e a cabeza humana, na que ten na boca o cano polo que sae a auga, recollida nun pío semicircular.

Pasou á posteridade co nome de fonte da serea ou da esfinxe, aínda que a figura representada non é ningunha delas. Na mitoloxía grega, unha esfinxe era un demo que tiña corpo de león, ás de ave e rostro de doncela. Sen embargo, esta escultura ten corpo de león, cara feminina e cola de peixe, polo que sería máis ben un león mariño, un monstro marítimo da mitoloxía nórdica, recollida na heráldica inglesa e escandinava.

En 2013 a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a restauración de sete fontes históricas da cidade: Praza de Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara.

O arquitecto do Consorcio responsable do proxecto, Xosé Allegue Fernández, sinalaba que ademais da restauración, buscábase a recuperación da súa funcionalidade, conservación e posta en valor destas construcións hidráulicas.

Esta fonte non tiña auga debido a que o pío podía presentar numerosas fugas. A auga vén da rede e, polo tanto, é potable, mais ao ser unha fonte ornamental o seu fluxo é permanente, polo que se fixo que o exceso de auga se conducise a un circuíto de bombeo e recirculación coa fin de evitar o consumo excesivo. En xeral, o estado dos rexuntados era deficiente, non posuía desaugadoiro nin sumidoiro e as pezas do vaso atopábanse moi deterioradas.

Un escultor interveu na escultura da esfinxe e substituíuse o tubo de aceiro da súa boca por outro máis apropiado en bronce. Fíxose unha limpeza xeral de musgos, liques e outra sucidade. Tamén se repararon as pezas rotas por un vehículo que hai anos caera polas escaleiras sobre a fonte.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)