
Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Historia
Os ríos e pozas do noso municipio están cheos de vida. Non é raro encontrar ras en estanques como o da Alameda ou da Almáciga, e son moi famosas entre os máis pequenos as que habitan nas lagoas da Granxa do Xesto, na aba do Pedroso. Despois de chover, tamén é bastante doado encontrarse con píntegas ou sapos nos ámbitos máis naturalizados de Compostela.
Tamén poderemos atopar tritóns, como na charca de auga formada na pía desta fonte, onde os tritóns están agochados no fondo, entre o limo e as follas caídas das árbores. A palabra tritón provén do grego e aludía ao deus fillo de Poseidón que servía de mensaxeiro das profundidades mariñas.
Estes anfibios son urodelos (teñen cola) e atópanse repartidos por todo o hemisferio norte. En Santiago poderemos atopar as seguintes especies:
- O tritón ibérico (Trituras boscai) habita na metade occidental da Península Ibérica. A súa actividade é fundamentalmente nocturna, e vive en calquera tipo de cursos de auga.
- O máis común de todos eles, o tritón xaspeado (Trituras marmoratus), ocupa toda a Península Ibérica. É o menos acuícola de todos.
- O tritón plameado (Trituras helveticus), é o máis pequeno de todos os tritóns, aproximadamente entre 60 a 70 milímetros. Habita lagoas e lagos de montaña na zona cantábrica.
Descrición
A fonte situada nas hortas urbanas municipais de Belvís de Abaixo é de pedra ancorada ao muro. Esta fonte de cano consiste nun pío rectangular realizado en granito que recolle a auga vertida e que pode servir como lavadoiro, para dar de beber aos animais ou coller auga para regar as hortas.
Esta fonte está vinculada á gran abundancia de auga subterránea presente no parque, que é recollida grazas ao desnivel da valgada no río que atravesa a zona, o rego do Cancelón, tamén chamado o rego Marcelo ou das Tripeiras.
Esta fonte segue a tipoloxía da fontes de cano, que se basean nun simple muro de pedra con un ou dos canos por onde sae a auga. Este muro de pedra pecha a saída de auga do manancial, permitindo canalizar a auga a través dun cano polo que se lle dá saída ao exterior. Ademais, este muro serve como contención do desnivel existente entre a parte traseira das vivendas situadas na rúa da Virxe da Cerca e o parque.
Este tipo de fontes soen estar construídas con pedra de canteira. Poden ir dende a tipoloxía máis simple, coma neste caso en que está desprovista de calquera elemento ornamental, até contar con inscricións ou estar adornadas con cruces de pedra, imaxes de santos, figuras de animais... que fan referencia á cristianización das fontes.