
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
1826
Autor
Frei Juan Estanislao Conde e Juan Pernas
Historia
Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.
Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.
Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.
A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.
As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.
Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.
A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.
Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.
Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.
Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.
Descrición
A Praza das Praterías é o atrio da Catedral, e recibe o seu nome a causa das tendas de prateiros que dende antigo ocupaban este espazo urbano. Sen embargo, aquí tiñan o seu comercio moitos outros artesáns e comerciantes como especieiros, ourives e prateiros.
No século XV este espazo estaba ocupado por un grupo de casas de madeira, que foron destruídas nun incendio acontecido a principios do século XVI. Será entón cando se abra o espazo en forma de praza, que en 1537 declárase lugar sagrado, acollido á xurisdición eclesiástica. Neste punto da cidade, catro fontes sucedéronse ao longo da historia.
Os documentos falan da existencia dunha primeira pía de auga xa en 1418, situada ocupando o lugar elevado do atrio inmediato á Porta Sur da Catedral, onde hoxe se sitúan as escaleiras. É posible que esta pía, que no século XV estaba na Praza das Praterías, procedese orixinariamente da antiga Fonte do Paraíso.
A comezos do século XVIII o Cabido leva a cabo a remodelación da praza, nivelando o terreo e poñendo lousas de pedra no chan. Nestas obras levántase a escaleira no atrio das Praterías, polo que cambia a estruturación deste espazo urbano e a fonte cambia a súa posición, colocándose no centro da praza actual. Esta segunda fonte foi obra de Domingo de Andrade e realizouse entre 1705 e 1707. Era de tipoloxía de chafariz, cun gran pío inferior sobre o que se levantaba o árbore central, decorada con xaspes e mármores, e coroada por unha estrela metálica na parte superior.
Pouco sabemos da terceira fonte. Foi reformada por Clemente Fernández Sarela cando traballaba na construción da Casa do Cabido, deseñada en 1758 e que completaba o peche urbanístico da Praza da Quintana.
En 1816 o Concello encarga elaborar un informe da situación e estado dos canos e fontes da cidade, redactado polo Conde de Gimonde, Francisco Javier Somoza e os fontaneiros municipais. Neste informe, recoméndase a reparación ou substitución dalgunhas fontes como a de Praterías, Praza do Pan, San Agostiño ou o Toural de Faxeiras.
A fonte actual, a cuarta das que existiron neste espazo, comezou a ser construída en 1825 e deuse por finalizada en 1826. Foi obra do mestre fontaneiro Frei Juan Estanislao Conde e do escultor Juan Pernas, discípulo de José Ferreiro, que realizaron un soberbio grupo escultórico que fixo que fose coñecida como a Fonte dos Cabalos.
A monumentalidade desta fonte está relacionada coa súa contorna urbana e co afán do Cabido compostelán durante os séculos XVIII e XIX por engrandecer a cidade, ademais de dar un servizo público vital para os habitantes de Santiago.
A fonte conta cun gran pío cilíndrico de cinco metros de diámetro, colocado sobre uns chanzos que teñen como función nivelar a fonte no chan en pendente da praza. Neste pío decorado con molduras sinxelas levántase a árbore central, que sustenta unha forma redondeada que figura unha gran rocha na que se sitúan catro hipocampos, dotados de canos por onde abrolla a auga. Estes animais mitolóxicos, mestura cabalos e peixes, tiraban do carro de Poseidón e podían facer brotar fontes no chan.
Sobre estes cabalos sitúase un estraño capitel campaniforme que sustenta o remate superior. Este capitel é de orde español, proposto á Academia de San Fernando por Luís de Lorenzana cara 1769, no que se combinan o toscano e o corintio, decorado con referencias á conquista americana.
Na parte superior colócase a arca apostólica, de forma cuadrangular, en cuxas caras hai relevos cos símbolos xacobeos da cruz de Santiago e a cuncha da vieira. Sentada sobre a furna aparece unha muller que leva nas mans unha cartela, na que de novo aparecen símbolos xacobeos, e na outra unha estrela.
Esta escultura lembra ás alegorías da época clásica, xa que mostra a figura feminina descalza, coa melena ondulada e vestida co veo e túnica tan frecuentes na estatuaria grega e romana. Para algúns autores consistiría na representación da cidade de Compostela, mentres que outros afirman que simboliza a fe católica.
Esta fonte sufriu numerosas alteracións ao longo do tempo. Entre 1841 e 1842 reformouse o pío e a bomba de bronce da fonte xa que estaba gastada. A antiga estrela que coroaba a fonte foi reutilizada para a nova, xa que refundiuse o bronce para crear unha nova estrela moito máis complexa. En 1992 restaurouse o deterioro das esculturas.
As fotografías antigas mostran que a composición escultórica da parte superior estaba cuberta de albaialde branco, mentres que a cruz de Santiago e a cuncha estaban pintadas de granate. O tanque principal conserva os ferros no que as augadoras apoiaban as sellas.
Federico García Lorca inspirouse nesta fonte para escribir o seu poema Danza da lúa en Santiago, onde o poeta chama a esta fonte “a do soño”.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
VV.AA. As fontes do Camiño de Santiago. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998
BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua. Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012
TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998