mainimg
Código: FL0010
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

1840

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.

A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.

Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.

Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.

Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.

Descrición

A documentación indica que xa existía unha fonte a comezos do século XV na Praza de Cervantes. A fonte presidía o espazo diante da Igrexa de San Bieito do Campo, unha praza que antigamente se coñecía como Praza do Campo ou do Pan, porque alí se facían as transaccións de pan e de trigo.

A actual Praza de Cervantes era un importante lugar de reunión na cidade de Santiago. Aquí realizábase o mercado, os pregóns e os acontecementos públicos cidadás de Compostela. Ademais contaba coa Casa do Consistorio dende 1686, consolidándose como lugar de reunión, centro administrativo, comercial, político e civil de Santiago. Tamén é o acceso para os peregrinos que acoden á Catedral dende o Camiño Francés e Inglés.

A primeira noticia sobre a existencia dunha fonte nese lugar aparece en 1418. Durante o século XVI existen numerosas testemuñas sobre as avarías sufridas e disputas entre os veciños pola súa auga. Os documentos falan dunha fonte que tiña un gran pío circular no que se situaba unha árbore central vertical na que se atopaban un segundo pío e catro canos, rematada por unha esfera.

En 1838 sacouse a concurso a construción dunha nova fonte monumental conmemorando á figura de Miguel de Cervantes, en base a criterios decimonónicos no referente ao tamaño, temática ornamental e estilo, cando as fontes converteranse en moitas ocasións en monumentos conmemorativos de personaxes históricos. Os monólitos, columnas e obeliscos clásicos recupéranse para estas novas construcións.

Debido aos altos custos de construción, a obra non se levou a cabo até 1840, a raíz do cal o Concello muda o antigo nome da praza polo que ten hoxe en día, a pesares de que non se comeza a denominar como Praza de Cervantes nos documentos até moito despois.

A auga procede do manancial da Fonte Branca, situado no norte da cidade, conducida á cidade polo sistema de abastecemento medieval que, a través de canos e acuedutos, traían a auga cara San Roque e a cisterna de San Miguel. A condución que pasaba pola Praza do Campo continuaba mediante unha tubaxe cara o Preguntoiro, e dende alí até a Porta da Mámoa.

A fonte actual está construída en granito, formada por un pío cilíndrico adornado na súa parede exterior por sinxelas molduras rectas e que está montado sobre unha estilóbata dun chanzo que serve para compensar o desnivel da praza.

Ten unha árbore central de forma paralelepípeda na que se colocan os catro canos inseridos en rosetas circulares, un en cada unha das súas caras e complementados por pezas de ferro que servían como pousadoiros para as sellas.

Este elemento cúbico ten na súa parte superior unha cornixa sobre a que se sitúa unha alta columna, acanalada con marcadas estrías verticais que fan un xogo de claros e escuros na superficie da pedra. O conxunto segue un modelo de fonte columnaria que provén da Grecia Helenística e podemos observalo en paisaxes ideais representados nas pinturas de Pompeia.

A columna non pertence a ningunha orde clásica ao carecer de capitel, senón que sobre unha sinxela peza octogonal colócase o remate dun busto do escritor Miguel de Cervantes. Este remate está situado a máis de sete metros de altura, polo que esta fonte é a de máis altura de Compostela.

O busto de Cervantes estaba recuberto con albaialde para que a pedra imitase ao mármore, dándolle unha falsa aparencia de escultura clásica. A indumentaria do escritor, con roupaxes romanas, tamén demostran este afán por asemellarse aos retratos dos emperadores romanos, tradición continuada no Renacemento e Barroco.

No século XIX colocáronse diversos elementos nesta fonte como decoración complementaria. Engárzase o pío con gatos de bronce, póñenselle unhas inscricións douradas e píntanselle catro floróns. Mais posteriormente, a mellora do empedrado da praza e outras obras fan que desaparezan da fonte estas inscricións e vasos que contribuían ao seu ornato.

A súa construción corresponde a un momento de gran actividade renovadora sobre as fontes públicas da cidade: a de Praterías foi reformada en 1826, a do Franco en 1830, as de Porta do Camiño e do Matadoiro en 1834 e a de Santo Antonio en 1840. A súa importancia, xa que abastece un dos principais barrios de poboación da cidade, motiva un grande interese municipal por mantela en perfectas condicións, polo que sufriu diversas modificacións.

As fotos antigas amosan moitas augadoras ao seu carón, malia que xa no século XIX se preferían outras fontes máis frescas e limpas onde recoller a auga de beber.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012

TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)