Parroquia
San Lázaro
Historia
Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival, crecidas estacionais).
De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Ata hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, como o facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.
Boa parte das fontes urbanas existe desde hai séculos, xa que é un elemento marcado polo determinismo xeolóxico; se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedeiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.
No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.
As fontes, ademais do seu uso utilitario, cumpren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que a segunda era máis propia de mosteiros, santuarios e os xardíns dos pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante (Fontana de Trevi, Mannekan Piss, a Cibeles, as Burgas...).
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social; outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso de gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas, en definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes; as figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia, formas de estilos cultos,...
Descrición
Esta fonte está situada pouco antes de entrar na aldea de Paredes, baixo un noiro do terreo poboado de carballos (Quercus rubur), na pista paralela ao río.
É unha fonte de pedra, á que se accede a través dunha pronunciada escaleira de pedra que salva o pronunciado desnivel topográfico. Este acceso é lateral, xa que está situado en ángulo recto con respecto ao muro da fonte. Está aberta ao fondo dun espazo cuadrangular escavado no terreo, lousado e protexido por uns muros de cachotería de xisto.
A tipoloxía desta fonte é mural, cun gran perpiaño rectangular a modo de parede, sobre o que se coloca unha lousa a xeito de mesa, que sobresae achafranada no borde superior do perpiaño. No centro desta estrutura colócase un picho metálico, que verte a auga nunha pía rectangular dotada de dous ferros que funcionan como pousadoiro para as sellas coas que recoller o líquido.
A auga sobrante é aliviada por medio dunha pequena canle tallada na lousa que cobre o chan e que conduce cara o río Sar. Esta gran pedra colocada no chan na que se insire a canle funciona como pavimentación, elemento importante nas fontes porque sen este, o continuo carrexo de cántaros, as frecuentes filtracións que escapan xas xuntas das fontes ou as meras salpicaduras da auga dos canos, formarían arredor un terreo embarrado que dificultaría notablemente o acceso á fonte.
Esta fonte foi acondicionada obedecendo á política de dotación de servizos con motivo da celebración do Ano Xacobeo 1993, cando se tapiou o acceso á arqueta.
Bibliografía
Fontes do Camiño de Santiago. Fontes e lavadoiros de dominio público no Camiño Francés do termo municipal de Santiago de Compostela. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998
Eduardo Beiras García. El arte del agua; Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña 2012