mainimg
Código: AL035
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

1608

Historia

A noticia máis antiga desta fonte data de 1608 cando a corporación municipal autoriza a derivación cara a ela de augas da traída municipal que viñan da Chan de Curros e se repartía na arca e fonte de San Miguel. Era un complemento ao novo colexio universitario que o arcebispo Xoán de Sanclemente promovía para unha mellor capacitación do clero diocesano; estaba destinado a titulados en teoloxía que enriquecían a súa formación.

Foi a primeira fonte conectada á subministración pública que se construíu fóra da muralla e deu servizo até o século XX á veciñanza do campo de Santa Susana, da Rapa da Folla e da Carreira do Conde. De feito, a gran pía inferior levaba unhas guías metálicas que servían para sustentar as sellas coas que se levaba a auga ás casas. Foi así que a súa presenza condicionou o deseño urbanístico da zona, pois motivou a construción da primeira rampla que salvaría o desnivel entre a actual avenida de Xoán Carlos I e a rúa da Carreira do Conde; buscaba a veciñanza que a solicitou repetidamente e a Corporación que a executou facilitar a accesibilidade do surtidor desde esa contorna que comezaba a desenvolverse con forza.

Esta peza tan estilizada compartiu escenario durante un tempo coa estatua de Manuel Ventura Figueroa que hoxe está na zona sur da Alameda e que acabou sendo trasladada ás inmediacións da porta Faxeira. De feito, as imaxes máis antigas da fonte son nesa localización e alí estivo até 1949, cando a reordenación da mobilidade urbana aconsellou o seu traslado.

Descrición

Esta fermosa peza de aire plateresco acompaña o Colexio de San Clemente desde a súa fundación no século XVII. Consta de dous corpos que se estruturan en vertical e se conforman con diversas pezas de pedra finamente tallada. A pía recibe o seu caudal a través de fermosos canos con feitura antropomorfa e verte na baixa con pezas máis sinxelas.

Na súa parte alta pódense apreciar os medallóns que conteñen os emblemas heráldicos do arcebispo Xoán de Sanclemente e Torquemada, fundador do Colexio de Pasantes: unha torre ardendo coas lapas asomando pola porta e xanelas; a cruz da orde de cabalaría de Calatrava; unha áncora. Son os mesmos deseños que presiden a portada do antigo colexio para teólogos -hoxe centro de ensino medio- para cuxo servizo foi construída.

Bibliografía

José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)