mainimg
Código: FL0016
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

1584

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.

A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.

Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.

Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.

Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.

Descrición

O emprazamento orixinal desta fonte estaba na Praza de Mazarelos, un espazo aberto vinculado á porta do mesmo nome, que comunicaba á cidade co Camiño cara Ourense e a Corte de Castela, por onde entraba o viño das comarcas da Ulla e do Ribeiro, os produtos hortícolas da contorna do burgo, así como os cereais casteláns.

Durante a Idade Media o mercado de abastos da cidadanía compostelá tiña lugar na praza da Peixería Vella, mais ao final deste período a cidade expandíase cara o sur e o leste na procura da luz e ventilación que proporcionan a maior elevación do terreo. Este lugar era moito máis axeitado para establecer o mercado, un foco de actividade cidadá que se situará próximo á Porta de Mazarelos.

A praza aberta nas proximidades desta porta pasou a chamarse a Praza de Mazarelos ou do Mercado Vello. Este espazo precisaba contar cun punto de abastecemento de auga en relación coas actividades do mercado, xa que as fontes máis próximas atopábanse a unha distancia considerable deste emprazamento, xa que a rede medieval so abastecía o lado oeste da cidade.

Ademais, nas inmediacións desta praza estableceuse en 1584 o Colexio e a Igrexa da Compañía de Xesús, e esta comunidade tamén demandaba contar con auga corrente para o seu convento. A poderosa orde de San Ignacio influirá na rede urbana de abastecemento de augas modificando a súa extensión cara esta zona, que estaba bastante desabastecida antes da fundación do Colexio.

O 6 de abril de 1585 o procurador xeral Pedro de Bosende redactou un informe no que expón a necesidade de situar unha fonte na Praza de Mazarelos xa que a zona está sen auga algunha, a diferenza da zona próxima a San Martiño Pinario, onde “hai sete ou oito fontes que están xuntas unha de outra”.

En 1585 o Concello e a Compañía de Xesús acordan repartir a auga do manancial de Chan dos Curros, que alimentaba o sistema da traída de Xelmírez, cunha fonte que se situaría nun punto central e accesible da Praza de Mazarelos. Esta prolongación da rede de augas acabaría incluíndo xa en anos posteriores ao Convento de Mercedarias, a Fonte de Santo Antonio e a Fonte do Toural. Os traballos de construción das fontes son dirixidos por Gaspar de Arce, mestre de obras da Catedral, e Nicolás de Torres, irmán da Compañía de Xesús. O oficial de cantería Mateo López encargarase de realizar os canos de barro necesarios para a condución da auga.

A fonte de Mazarelos foi substituída polo monumento a San Xerome, e posteriormente o que conmemora a Montero Ríos por medio dunha estatua. A fonte foi desarmada e estivo almacenada varios anos. Estivo a piques de situarse na Praza de Fonseca, estivo colocada no Parque da Alameda e acabou presidindo a Praza de San Roque. Aí, as augas que a alimentan procedían do manancial do Chan de Curros traída polo sistema de abastecemento medieval, e dependía da concesión ao antigo Hospital de San Roque.

Está no centro da Praza de San Roque ou do Hospitalillo, rodeada de árbores e dunha zona de descanso. Consiste nunha estrutura monumental conformada por un pío polilobulado de planta alongada, alternando os lóbulos rectos e curvos nun xogo moi frecuente na arquitectura renacentista e barroca italiana, nunhas formas compostas que consagrarían autores como Francesco Borromini. Este pío é moi semellante ao deseñado por Enrique Egás na fonte do patio do Hospital Real, ao existente na fonte que ocupa o xardín do Pazo de Fonseca ou ao do Pazo de Amarante.

Neste tanque aséntase unha árbore vertical formada por un corpo inferior octogonal sobre o que se coloca unha peza bulbosa que sostén a segunda pía da fonte, pechada na súa parte superior e que presenta catro pichos metálicos dos que abrolla a auga cara a parte inferior da estrutura. Os canos están colocados equidistantes na contorna da pía, e dous deles presentan estruturas complementarias de ferro que servían como pousadoiro para as sellas.

O remate superior do conxunto, asentado sobre unha peza pétrea octogonal e outra bulbosa, é unha esfera con decoración xeométrica de casetóns e cuarteiróns.

Non era estraño que, cando as circunstancias o obrigaban, trasladábase unha fonte dun lugar a outro, mais o máis frecuente foi que as fontes permanecesen no seu punto orixinal da trama urbano até os nosos días. Sen embargo, obsérvase que este fenómeno de traslado das fontes dun lugar a outro da cidade é moito máis común no século XX.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)