mainimg
Código: FL0017
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

1839

Historia

A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.

O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.

Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.

En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.

O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.

Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.

O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.

As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.

O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.

A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.

A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.

As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.

Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.

Descrición

Está situada na rúa de Santa Clara, fronte ao convento. Esta zona é o Camiño Real que, saíndo do Hospital de San Roque, dirixíase cara ao norte de Galicia.

Moitas das fontes de Santiago non foron creadas como as coñecemos senón que son froito da súa transformación, mellora e rehabilitación, posto que xa existían anteriormente como puntos de abastecemento de auga en época tardomedieval. Sábese da existencia desta fonte dende 1575, ano no que figura un acordo entre os veciños para o abastecemento da mesma dende o cano que se dirixe á fonte da Praza do Campo (actual Praza de Cervantes).

Esta antiga fonte tiña un gran pío que serviría para dar de beber ás cabalgaduras dos viaxeiros do Camiño Inglés que acudían en peregrinación á Catedral, así como aos veciños que precisasen un punto de abastecemento de auga potable. Mais a comezos do século XIX a calzada da rúa foi levantada e esta fonte foi reconstruída completamente.

En 1816 o Concello encarga elaborar un informe da situación e estado dos canos e fontes da cidade, redactado polo Conde de Gimonde, Francisco Javier Somoza e os fontaneiros municipais. Este documento será clave nas reformas e construcións das fontes públicas durante todo o século XIX. Neste informe, recoméndase a reparación ou substitución de moitas das fontes da cidade.

Cara 1839 constrúese a actual fonte. O seu modelo e tipoloxía responden a un carácter práctico de abastecer de auga á cidade, cun estilo claramente decimonónico e clasicista, carente de ornamentación, que podemos ver repetido nas fontes de Santo Antonio ou da Porta do Camiño, levantadas en datas próximas.

Presenta unha sinxela estrutura cun bebedoiro cadrado destinado a recoller a auga que sae do picho situado no centro dun bloque cúbico dotado de decoración en baixorrelevo que simula figuras arquitectónicas, xa que aparecen representadas dúas pilastras nos bordos entre as que se abre un arco de medio punto no que se insire a moldura circular que alberga o cano metálico polo que abrolla a auga da fonte.

Este corpo cúbico está rematado nunha cornixa arquitrabada. Sobre este bloque sitúase un remate campaniforme onde se sitúa unha grilanda que pende na parte superior, un motivo ornamental moi frecuente na decoración arquitectónica dos edificios do Imperio Romano.

Na parte superior do conxunto aparece unha urna cineraria, ao igual que sucede na Fonte de Santo Antonio, mais esta é de factura moito máis sinxela, posto que asemella unha cúpula lobulada ou de cuarteiróns rematada cun pináculo, ornamentados con moitas molduras que crean un xogo de volumes dunha grande sobriedade decorativa.

Esta obra de cantería tamén inclúe un gran banco de pedra granítica no que está inserida a fonte. Ten un respaldo corrido con forma semicircular, formando un espazo de lecer centrado polo punto de abastecemento de auga. Tamén se conservan os postes verticais de pedra onde estaban as argolas nas que se amarraban os animais de tiro.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012

TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)