
Zona verde
Xardín da Capela de Santas Mariñas
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
Século XVII
Historia
As primeiras novas que temos da existencia dunha fonte neste lugar datan de 1607, polos memorias do Arcebispado de Santiago, que din que a ermida ten ao seu carón unha famosa fonte.
As fontes, xunto cos muíños e lavadoiros, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.
A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de fontes ou pozos. Estas fontes poden ser dende unha simple canalización de auga dende a boca do manancial, até a realización de fermosas obras de cantaría.
Ademais dunha canle de condución, unha fonte soe contar cun depósito no que estancar a auga para poder recollela máis facilmente e que serva de bebedeiro para os animais. Este depósito pode aparecer escavado no noiro no que se atopa a boca da canle ou constrúense depósitos cadrados de pedra por tres das súas caras, das que a posterior é o propio noiro no que se atopa o manancial.
No depósito da auga das fontes críanse naturalmente diversos tipos de animais e insectos, entre os que destaca a píntega (Salamandra salamandra). Segundo afirmaba Vicente Risco, para manter as fontes limpas destas formas de vida, adoitábase botar nelas unha troita que se encargase de espantalos.
Descrición
Preto da Capela de Santas Mariñas, atópase unha fonte de cano realizada en granito, de estilo rústico, de dimensións 140x120x80 centímetros. A fronte da fonte, inserida nun muro de contención de cachotería, está realizada en lousas máis grandes e de mellor calidade que as do muro de contención. Estas lousas teñen un baixorrelevo que imita as formas arquitectónicas, xa que dentro dun remate en forma de frontón semicircular e flanqueado por bastas pilastras dóricas sitúase a imaxe de Santa Mariña vestida con roupaxes clásicos, animados por suaves pregos diagonais. Gravada na pedra ten a seguinte inscrición: SE REDIFICO AÑO DE 177 (A derradeira letra é inintelixible polo desgaste).
Aínda que na actualidade ten tres canos de ferro que verten as súas augas nunha pía ou depósito da auga de traza barroca, situada na parte baixa da fonte, parece que os canos metálicos laterais foron incorporados con posterioridade ao cano pétreo central. Nos documentos fotográficos da primeira metade do século XX pódense ver en funcionamento estes novos canos metálicos, mentres que o central está inutilizado.
Como se pode comprobar tamén nestas fotos antigas e segundo testemuño dos veciños da zona, a Fonte de Santas Mariñas contaba antigamente con tres pías a certa elevación sobre o terreo, hoxe perdida tras a construción da actual estrada. Ademais complementábase coa presenza de varias laxes de granito inclinadas que servían para lavar a roupa, polo que ao seu uso como fonte sumábase o de lavadoiro.
Na Capela de Santas Mariñas celebrábase antigamente o 18 de xullo a festividade da santa, unha concorrida romaría típica do rural galego na que as solteiras sacaban á Virxe en procesión ao redor do templo. Actualmente é nesta data o único día no que se abre a capela para o festa e a procesión. A asociación de fonte e capela é unha constante neste tipo de santuarios, dos que este é unha boa mostra pola sinxeleza e funcionalidade coa que está executado.
Bibliografía
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002
Estudio de las Fuentes Municipales. Tomo I. Nº 37. Cía. Consultora y C. del Atlántico., S. A. 1994
Abel Fernández Otero. As fontes de Santiago de Compostela. Tórculo Artes Gráficas, S. A. Santiago. 1993. Páx. 87
Editores. Santiago. 1952. Páx. 139