
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Historia
Esta fonte está vinculada á gran abundancia de auga subterránea presente no parque, o que fai necesaria a súa xestión e canalización. A auga presente nos xardíns nace dun manancial situado na carballeira, na parte alta dos terreos ocupados polo Parque de San Domingos de Bonaval, e vai sendo conducida a través dun percorrido descendente formado por diversas fontes para salvar o desnivel e chegar ao depósito de auga aloxado baixo o Xardín dos Frades e dende onde ten lugar a rega do parque.
Esta fonte segue a tipoloxía da fontes de cano, que se basean nun simple muro de pedra cun ou dous canos por onde sae a auga. Este muro de pedra pecha a saída da auga do manancial, permitindo canalizar a auga a través dun cano polo que se lle dá saída ao exterior. Soen estar construídas con pedra de cantería e poden contar con inscricións ou estar adornadas con cruces de pedra, imaxes de santos ou figuras de animais, que fan referencia á cristianización das fontes.
Descrición
A Fonte de Santo Domingo é unha fermosa fonte situada a unha cota máis baixa que a explanada onde se atopa, na zona das hortas onde están plantadas as tuias xigantes (Thuja plicata), polo que está pegada a un muro ao que se accede a través dunhas escaleiras.
Esta fonte de cano está realizada en granito. A estrutura da fonte segue as liñas dun templete en barroco compostelán, o que lle outorga unhas liñas clásicas moito máis conservadoras que noutros exemplos de barroco europeo. Está dividida en dous corpos: o superior está formado por un frontón roto pola cruz latina que remata o conxunto na parte superior. A moldura horizontal que cruza o conxunto á altura desta cruz é onde está situada a inscrición fundacional da fonte.
O frontón acolle unha fornela na que se sitúa un busto en altorrelevo representando a Santo Domingo, vestido co hábito e a tonsura que o identifica coma frade dominico, suxeitando un libro en posición de bendicir, polo que como é frecuente, a escultura perdeu esta imaxe debido a erosión e o paso do tempo.
O corpo baixo está formado por un arco de medio punto na parte central, onde se sitúa o cano polo que mana a auga até a pía rectangular. Este arco está flanqueado por dúas pilastras rectangulares que serven de base a dous remates arquitectónicos rematados en medias esferas que completan o conxunto do corpo superior, dotando de simetría ao frontón, conectando o conxunto ao servir de nexo entre os corpos superior e inferior, e outorgándolle protagonismo á imaxe do santo, situada no eixo de simetría.
Na zona alta posúe unha inscrición en moi malas condicións de conservación na que se pode ler: QVSPERVE.
Bibliografía
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002