
Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
2015
Autor
2C Arquitectos
Historia
A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de fontes ou pozos. Estas fontes poden ser dende unha simple canalización de auga dende a boca do manancial, até a realización de fermosas obras de cantaría.
Ademais dunha canle de condución, unha fonte soe contar cun depósito no que estancar a auga para poder recollela máis facilmente e que serva de bebedeiro para os animais. Este depósito pode aparecer escavado no noiro no que se atopa a boca da canle ou constrúense depósitos cadrados de pedra por tres das súas caras, das que a posterior é o propio noiro no que se atopa o manancial.
No depósito da auga das fontes críanse naturalmente diversos tipos de animais e insectos, entre os que destaca a píntega (Salamandra salamandra). Segundo afirmaba Vicente Risco, para manter as fontes limpas destas formas de vida, adoitábase botar nelas unha troita que se encargase de espantalos.
Descrición
Foi construída dentro das obras de reurbanización da contorna da Colexiata de Sar do ano 2005. Esta actuación tivo como obxectivo mellorar a calidade do tratamento de superficie do espazo público que se xera no percorrido da rúa, a creación de novos espazos de relación a modo de praza e a adecuación das marxes do río como lugar de esparexemento e paseo, coa intención de mellorar os percorridos peonís de acceso á cidade.
Trátase dunha sinxela pía rectangular cun desaugadoiro formado por unha pedra circular na que un oco cilíndrico é o encargado de desaloxar a auga manténdoa sempre a un mesmo nivel, de maneira que a bañeira de pedra estea sempre chea de líquido, mais sen chegar a desbordar.
Actualmente o espazo que ocupaba a auga foi colonizado por unha hedra que lle confire á fonte un aspecto máis natural.