Código: FL0115
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.

A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.

Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.

Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.

Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.

Descrición

Localizada nos xardíns do que era o Asilo de Carretas, hoxe convertido no Centro de Acollida a Peregrinos.

O Asilo de Carretas ten a súa orixe na segunda metade do século XVIII, cando foi construído para o coidado de anciáns discapacitados da cidade polo Arcebispo Rajoy y Losada.

A referencia máis antiga relativa ao uso da auga neste asilo data de 1841, cando o Administrador da Casa e Cóengo Catedralicio, don Francisco Alonso y Pinzas, deriva un ramal desde as fontes do Hospital Real cara a ela, provocando a ira dos veciños dos predios circundantes que, dende aquela se viron privados de auga. Informado do sucedido, o Concello ordenou o arranxo da canalización como estaba con anterioridade.

En 1888, grazas á última vontade testamentaria do Arcebispo da Arquidiocese, don Victoriano Guisasola, concedéuselle a cantidade dun céntimo de auga dende a arqueta dos Loureiros. A cambio, o Hospital da Nosa Señora da Piedade debería construír “de los fondos del referido Hospital, una fuente pública con un grifo automático en el paraje que designe la Excma. Corporación a fin de que el vecindario pueda utilizar parte del agua de que es objeto la concesión; para lo cual y antes de dar principio a la obra, presentará el plano de dicha fuente a fin de que el Excmo. Ayuntamiento lo apruebe”.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)